Vilas con misterio

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

OURENSE CIUDAD

18 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As vilas sempre teñen un misterio, lendas de orixe, ás veces disparatadas, ou historias de guerras e resistencias. Hainas que ben polo sitio ou ben polo xeito de vivir son de seu un misterio. Fun ao Barco dende o Bierzo. Dinme de conta que é unha vila nas extremas de todo. O nome ven ao parecer dun barquiño que cruzaba o Sil, que por alí é grande e serio coma un río caudal. Os montes daban ouro así que logo chegaron os romanos pero non fixeron ponte e máis dixeron que os do Barco galegos non eran, que tiñan pinta de astures. Agora son galegos de Ourense, pero daquela maneira. O bispo de Ourense dixo que el non tiña competencia para facer unha ponte naquelas terras extremosas pois eran e son de Astorga. E o bispo de Astorga en facendo a de Ponferrada, considerou que abondaba e descansou. A barquiña que cruzaba o río era importante para a economía diurna. Contan que pola noite un ser misterioso carretaba defuntos dunha beira a outra. Defuntos que non se conformaban co sitio. Algo así como a barca de Caronte pero nocturna. Alí contáronme estas cousas e máis que o camiño de Santiago, o de inverno, ten moitas posibilidades. O camiño vai por paixases que impresionan. É quentiño para o inverno e hai oliveiras e viño de moita calidade. O Barco debería chamarse «A Barca de Valdeorras». Teñen un paseo espléndido pola beira do río Sil. A xente paseando por el semella moi civilizada. Non sei se de defuntos serán tan inconformistas como cando non había ponte e había barca.