Grazas fútbol

Javier González Sobrado
Javier G. Sobrado CADA UN....

OURENSE CIUDAD

Imaxe de arquivo da grada do Couto
Imaxe de arquivo da grada do Couto MIGUEL VILLAR

«Eu vou ao Couto e non hai máscara que pare os berros e o sentimento». A columna de Javier G. Sobrado

16 jun 2021 . Actualizado a las 17:15 h.

Ourense non é cidade de fútbol. Diríao máis de cen centos de veces na miña vida. Como moitas veces, dixen antes de buscar e, como tantas outras, dixen mal.

Este ano a UD Ourense vai mal, as cousas son así, o descenso está aí, a salvación está alá. Moi alá. Pero eu vou ao Couto e non hai máscara que pare os berros e o sentimento. Dá gusto ver á xente fumando dese «opio do pobo», -que falan algúns bebendo unha Coca-Cola e mandando un WhatsApp desde o iPhone-.

Di un amigo meu que o fútbol é a catarse, e tanto é así que se hai descenso, que pode ser, vai haber aplausos igualmente. Lonxe do Couto, nas Pontes. Da igual. O fútbol non existe só para xogalo e se fose así os partidos serían a porta pechada. Se só importan as categorías, que non boten os partidos na televisión, que os estadios non teñan cadeiras. O fútbol é a catarse de quen o sinte, e hai moitos máis sentindo o fútbol fóra do céspede que enriba del, e xa non digamos cantos máis senten o fútbol con vista, oídos e corazón, que con carteira e taco de papeis por asinar. O próximo domingo o descenso vai estar aí, ensinando as gadoupas, pero é que ao home do saco haino que recibir cunha risotada.

Na linguaxe que dicía Pier Paolo Pasolini que é o fútbol, hai todas as letras, e a O de Ourense aínda existe grazas a que un grupo de xente quixo, non só rememorar por sempre ó CD Ourense, senón agasallarnos cun club aos que non sabemos quen eran todos eses nomes que soan, ou soaban, nas barras dos bares. Grazas UD Ourense, malia que o descenso chame tras da porta. Grazas fútbol, porque non ten sentido nada do que provocas, pero é sentimento todo o que me fas vivir.