O libro chegou para quedarse

Miguel Anxo Fernández TRIBUNA ABIERTA

OURENSE CIUDAD

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No volume Nadie acabará con los libros (Lumen, 2010), recóllese a substanciosa conversa entre dous prestixiosos intelectuais, escritores e bibliófilos nas antípodas dos apocalípticos: o semiótico italiano Umberto Eco e o guionista francés Jean-Claude Carrière. Páxinas que recomendo a «lectores indecisos, escritores pesimistas e libreiros deprimidos», como afirmei o mércores pasado no me meu pregón na 37ª Feira do Libro de Ourense. A Covid-19 deixa danos colaterais máis alá da saúde, a primeira vítima. Comezouse por unha absurda, ridícula, e case diría que mal intencionada campaña estigmatizando o soporte papel na modalidade impresa, que afectou seriamente ao consumo da prensa -este asinante fai a guerra pola súa conta: fuxo dos locais sen xornais...- e mesmo limitou ás bibliotecas públicas -peches á parte, que sempre considerei errados, pois para iso estaban as medidas preventivas-, diante da estúpida crenza de que o virus andaba entre as páxinas, á espreita de tronzarte a vida... Que barbaridade! Chegado a este punto, é responsabilidade de todos, administradores e administrados, devolverlles o prestixio a xornais e libros. Alguén semellara non decatarse de que a presión do lobby dixital e os seus multimillonarios intereses, ameazan con devolvernos ao tempo dos debuxados irmáns Picapiedra. Véxase, a nivel mundial, o patético fincado de xeonllos asumido polo sector do ensino e máis do mediático, e o abusivo uso das ferramentas dixitais a estremos delirantes. E xa me adianto á reacción dos avanzados: non, non son un cavernícola que pide o retorno ao xiz e á lousa de peto, pero ese é tema que aquí e agora non toca. Adiántolles que ao comezo do curso, aos meus alumnos de Comunicación Audiovisual -todos da xeración multipantalla-, xa na primeira clase de historia e teoría audiovisual, acompáñoos á biblioteca da Facultade para advertilos de que alí hai uns obxectos chamados libros e que neles atoparán moita máis axuda intelectual que atoparán na caótica Rede. Para máis teño a ocorrencia -dirán algúns que é unha extravagancia- de pedirlles a lectura de dous deles coa súa correspondente recensión. Pero é outro tema que hoxe aquí tampouco ven ao caso.

Con todo hai motivos para a esperanza. No mercado estadounidense, as estatísticas confirman que no 2020 medrou a venda do libro tradicional, ese obxecto ergonómico, agradable ao tacto, atractivo deseño e un olor característico que chega a ser aditivo. Todo o contrario do ebook e o resto dos trebellos, ferramentas útiles (sen dúbida) para consultas enciclopédicas, e mesmo para lecturas académicas, documentais e polo estilo. Cada libro é unha singularidade en si mesmo, pero na versión electrónica arrepía esa mal entendida «democratización», que iguala aos clásicos Cervantes ou García Márquez cos coxunturais e literariamente moi cuestionables George R.R. Martin ou J.K. Rowling, pese ao seu moito predicamento entre a mocidade. Casualidade non é que no país do entertainment -o caixón industrial onde meten libro, cinema, videoxogos, etcétera- o consumo mellorara en canto aos textos en papel, fronte aos servidos pixelados. No fondo, hai fartura tecnolóxica, e na forma, os libros reivindican unha fermosura sen par, pois como ben dixo o sabio Umberto Eco no volume arriba mencionado: «El libro es como la cuchara, el martillo, la rueda, las tijeras. Una vez se han inventado, no se puede hacer nada mejor. El libro ha superado la prueba del tiempo... Quizá evolucionen sus componentes, quizá sus páginas dejen de ser de papel, pero seguirá siendo lo que es, un libro».