«Hoxe as redes sociais son o que eran as páxinas web fai 15 ou 20 anos»

OURENSE CIUDAD

Ricardo Araújo naceu en Ourense no 1996 e estudou o Grao en Comunicación Audiovisual
Ricardo Araújo naceu en Ourense no 1996 e estudou o Grao en Comunicación Audiovisual KONTA

O comunicador ourensano Ricardo Araújo fundou Konta, un estudo audiovisual especializado na creación de contido

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O cinema foi o primeiro que chamou a atención de Ricardo Araújo, un mozo ourensán de 24 anos, sobre o que agora, e espera que por moito tempo, é a súa vida: o audiovisual. A parte de ver filmes, este creador de contido empezou na súa adolescencia a preguntarse cómo funcionaría todo detrás das cámaras. Unha actividade extraescolar nos últimos anos de instituto confirmoulle o seu gusto por estar tras das lentes, micros e demais maquinaria e, nun par de anos, comezou a estudar o Grao en Comunicación Audiovisual no campus pontevedrés da Universidade de Vigo.

Os seus encontros coa ficción desde que arrincou a súa andadura nesta titulación déronlle experiencia e mesmo recoñecementos. A curtametraxe Estatus fíxoo acredor do premio Suroscopia e do Premio Escolas Galegas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu; e a webserie Destapando_Casares acadou premios no Carballo Interplay.

O ano pasado, unha vez graduado e xunto á viguesa de 23 anos Laura Guizán fundou Konta, un estudo audiovisual especializado, entre outras cousas, na creación de contido para redes sociais que, explica Araújo «son o que eran as webs fai 15 ou 20 anos». A presenza de calquera entidade no mundo dixital, subliña, é fundamental hoxe por hoxe. «Fai anos ter unha web supuña ofrecer máis confianza, saír máis nos buscadores, ampliar o espectro de consumidores potenciais... Hoxe onde tes que estar ademais, é nas redes sociais», expón. E isto ocorre con máis forza tras a aceleración neste eido que supuxo a presenza da pandemia. «Avanzouse moito máis do que se debía ter avanzado noutras circunstancias», recorda Araújo.

As empresas, opina este ourensán, poden gañar moito se contan, nas súas redes, con algo que vaia máis alá do que pode facer un xefe de prensa ou outro tipo de responsable de comunicación. Unha simple fotografía ou uns cantos caracteres explicativos en forma de tuit ou entrada en Facebook non acadan o nivel, asegura, doutro tipo de contidos. «Nós somos fotógrafos e videógrafos, isto é o que facemos e facémolo adecuado a cada formato. Somos especialistas en crear e contar historias, e non en márketing. Esta é a diferenza co clásico gabinete de prensa ou de márketing. Podemos traballar xuntos», apunta.

A diferenciación, fidelización, visibilidade e transmisión dos valores de marca que pode conferir un vídeo corporativo na conta de redes sociais como Instagram ou TikTok dunha compañía, di Ricardo, son o presente da comunicación empresarial: «Ademais, dalgún xeito a entidade que fai isto demostra que toma en serio o seu traballo, o seu produto e ao seu consumidor».

Konta non é unha axencia de comunicación nin un gabinete de prensa, pero tampouco responde a outras figuras máis actuais como a de community manager que non deixa de ser un «xestor de comunidades, que pode crear contido, pero non é un videógrafo nin un fotógrafo». O espazo no que opera o estudo fundado por Ricardo é o da especialización en todos estes ámbitos da técnica e a narrativa.

Este estudo dedica a maior parte do seu tempo á creación deste tipo de contido, pero tamén explora outras vías máis achegadas ao mundo da cultura e outro tipo de «necesidades audiovisuais». Nestes eidos, Konta colabora con asociacións e fundacións na realización de pezas coma video-ensaios. «Isto tamén nos permite experimentar un pouco máis co que estamos creando», apunta. Actualmente, o estudo traballa nun vídeo-ensaio sobre o escritor ourensán Bieito Iglesias. Outro dos proxectos realizados polo estudo foi un curso de cociña en vídeo organizado pola Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas.

«Agora pódense facer pezas e que cheguen a moita xente sen ter que saír na televisión»

O lugar que ocupan estudos coma Konta só existe grazas á evolución dos medios técnicos, que tanto acelerou nas últimas décadas. A produción e difusión de contido audiovisual perdeu en gran medida o que era un dos seus maiores hándicaps: ser un medio moi caro.

«Ata o de agora quen podían permitirse mandar unha mensaxe en formato audiovisual eran grandes empresas a través de grandes inversións e grandes anuncios de televisión», explica o fundador de Konta. As cámaras, micrófonos, programas de edición dixital e demais instrumentos que utilizan estudos coma este melloraron moito a súa relación calidade-precio.

Pero sobre todo, o punto diferencial con outros tempos está nas canles de difusión. «Grazas ás redes sociais o audiovisual democratizouse moitísimo. Agora pódense facer pezas de calidade a un prezo máis accesible e ademais que cheguen a moita xente sen ter que pagar a suma necesaria para saír na televisión», asegura Araújo.

QUEN É

DNI. Ricardo Araújo naceu en Ourense no ano 1996. Estudou Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais do Campus de Pontevedra. Actualmente reside dacabalo entre Vigo e Ourense e dedica o seu tempo ao estudo Konta.

Konta. É un estudo audiovisual creado por Ricardo e pola viguesa Laura Guizán que se especializan na creación de contidos para redes sociais e outros «lugares» da Internet.