Alba de Evan e Xabier Domínguez presentan o seu novo libro, «Maxia de pedra»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

Trátase dunha novela con moita historia e unha miguiña de maxia que estará nas librarías a partir do xoves

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba de Evan estudou Historia e imparte esa materia aos alumnos de Secundaria do colexio Maristas de Ourense. Xabier Domínguez é profesor de música, e dun pouco de todo, para os estudantes de Primaria do Irmáns Villar. Esta parella, no amor e na profesión, puxo en marcha en agosto a súa propia editorial, Antela, un proxecto totalmente de A Limia, coma eles —aínda que Alba naceu en Vigo, comparte moito con esta terra—. Dende que se coñeceron, no 2012, xa teñen publicado xuntos en doce ocasións pero este xoves chega ás librarías un libro moi especial, porque se trata da súa primeira novela conxunta, e ademais está editada por un xigante do galego como é Xerais. Maxia de pedra é un relato infantil e xuvenil que Alba describe así: «É unha obra de fantasía con elementos históricos. Trata o tema dos petróglifos en Galicia, da etapa castrexa, da romanización... enlazándoo todo cos nosos días grazas á unha rapaza que atopa un resto que lle chama a atención».

No libro mestúrase aventura e historia galega con varias doses de maxia, todo visto dende preto pola súa protagonista, Anxela. Así se chama tamén a filla de Alba e Xabier. Cando a pequena de dous anos se durme, os seus pais xúntase na mesa do comedor e póñense a escribir novas aventuras, ou a continuar outras. Sempre pondo en común as ideas, complementándose e sendo cómplices. «O que máis temos é falta de tempo», di Xabier. Maxia de pedra estivo listo no 2019, tras cinco meses de moita escritura. Agora teñen pendentes por publicar varios outros. «Algúns chegarán este mesmo ano», engade. Polo momento só pensan en que a súa novela atrape aos máis mozos. «Encantaríame que lles gustase porque hai moi poucas obras sobre a historia de Galicia para rapaces. É un reto», apunta Alba. E xa preparan unha segunda parte.