Vamos seguir estando aí

Eloína Ingerto FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teñan ningunha dúbida, as organizacións de acción social de Ourense estiveron, están e estarán en primeira liña, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables. Antes da pandemia coas 65.000 persoas que no 2019 estaban en pobreza e exclusión na provincia e sobre todo coas moitas mais na emerxencia sanitaria e social do covid-19. A quenes apenas se beneficiaran da recuperación económica, en especial mulleres, mozas e mozos e nenas e nenos, pero nesta ocasión tamén ás persoas e familias con ingresos mais baixos, traballos precarios ou malvivindo na economía informal e que se teñen quedado sen ningún ingreso económico. E en especial a aquelas con outros factores de exclusión: discapacidade, monoparentalidade, violencia machista (en especial a máis extrema por prostitución ou trata), etnia, persoas maiores ou con dependencia -e a quen as coidan, maioritariamente mulleres-, poboación rural, e migrantes ou refuxiadas.

Cun esforzo profesional notable, as organizacións de acción social membro de EAPN Galicia seguen a prestar todo tipo de servizos, man a man xunto co resto de profesionais dos servizos sociais públicos: atención ás necesidades mais básicas, acompañamento educativo, acceso a unha vivenda digna e accesible, asistencia e apoio a persoas maiores; axuda a persoas con discapacidade física, intelectual, así como ás súas familias. asistencia a persoas sen fogar, a loita pola erradicación da violencia de xénero, a integración laboral, etcétera. Na cidade de Ourense e na maioría de localidades da provincia, atendendo especificamente á poboación rural.

A maioría destes proxectos so poden levarse a cabo e financiarse grazas ás persoas que na súa Declaración da Renda deciden dedicar o 0,7% do seu IRPF a este fin marcando o recadro 106 de «Actividades de Interese Social», o que se coñece como X Solidario.

Marcar este cadro non supón ningún gasto. Nin se paga de mais nin devolven menos. Pódese marcar ao mesmo tempo que a casiña da igrexa católica.

En toda a provincia 83.631 contribuíntes marcaron o recadro da X Solidaria na súa Declaración da Renda no 2020, 2.129 máis que no ano anterior. A súa solidariedade permitiu recadar 1.739.772 euros. Dende as organizacións facemos un chamamento urxente, case imploramos, que esta emerxencia sexa tamén solidaria e que ás 63.893 persoas, 594.110 en toda Galicia, que aínda non marcan o cadro de Outros Fins Sociais o fagan este ano. Se o fixeran, en 2020 teríanse recadados 1.092.371 euros máis. Un total de 2.832.143. Pedímosllo ás persoas pero tamén o estamos a facer ás xestorías, axencias e persoal experto para que llo lembren aos seus clientes.

Na cidade de Ourense precisamos de respostas ante a emerxencia: «situación extraordinaria de grave risco, catástrofe ou calamidade pública que require a intervención coordinada dos poderes públicos e da cidadanía para a protección e socorro de persoas e bens».

Permítanme rematar facendo un agradecemento e honrando o esforzo, compromiso e vontade de diálogo e mellora compartida dos servizos sociais das nosas organizacións membro na cidade. Noraboa e moito ánimo. Grazas por marcar o X Solidario e permitir que sigan en primeira liña apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables.

Eloína Ingerto é presidenta de EAPN Galicia - Rede Europea contra a Pobreza