Ruco, e a MemOria de Ourense


A memoria é un espazo en reconstrución, e todos os que nas nosas vidas peiteamos canas, aínda que sexan na barba, confirmamos esa sensación. Arturo Lezcano, o noso Ruco, xornalista, novelista, un bo tipo, fai na súa novela derradeira, MemOria, xustamente isto do que falaba Camilo Franco hai uns meses, construír e reconstruír a historia dunha época.

Para Ruco, e si, tamén para Viruca a súa viúva, Ourense sempre foi un espazo vital, unha sombra que ía máis alá da realidade xeográfica. Dasein, que lle chamaba Heidegger, e que se expresa moi ben na idea de que os de Ourense, son de Ourense, aínda que non vivan en Ourense. Ruco había moito que non vivía pero Ourense estaba sempre presente. Que llo digan aos seus fillos...

A novela xoga neste espazo que se constrúe entre a ficción e a realidade, entre a biografía real e o mito, que comeza xusto cando acaba O porco de pé de Vicente Risco, a historia dun cacique que chega a ser alguén importante na cidade. Ruco Lezcano continua a historia e tira dela ata a morte de Franco, o ditador. Neste texto atopamos personaxes e lugares coñecidos, ás veces con nomes recoñecibles, e outras tantas, descoñecidos, disimulados, desfigurados.

Oria, Oregón, Auria, nomes que na literatura se lle teñen dado a Ourense... Na novela aparece esta imaxe mítica, real e un tanto triste da cidade. Por alí un cativo xogando na rúa Santo Domingo, que non tiña apenas edificios, e na praza do concello, que era o seu centro neurálxico, e que xa estaba torta como agora, o de sempre. E vemos o cine e os amigos, Risco, Quesada, López Cid, Acisclo, e o seu avó, o Xesta, e a placa de Pobre asunción do Cemiterio.

En MemOria Ruco axusta contas cunha época onde a ignorancia e o atraso era a marca hispánica, e faino coa ironía do perdedor que se sabe coa razón, cunha ironía que destila unha fonda crítica a un poder absoluto que sempre está aí, e que sempre é igual de parvo.

Eu a Ruco coñecino por casualidade e compartimos máis whiskies que Camparis, e literatura e cine, e tantas discusións como as que se poden producir entre dúas persoas que so saben falar, aínda que non escoiten demasiado. E eu son un personaxe das súas historias, e el é un personaxe das miñas novelas. É o seu.

Nesa memoria sentimental de todas vidas, aparecen azares. Descubrín que o meu querido socio de despacho xa retirado, Pepe Afonso, fora ao Cisneros con Ruco. E Fernanda e Fran resultaron ser sobriños seus, e Pepe de Loli lembraba a ese ourensán redactor xefe de La Voz e cunha retranca perigosa e ourensá. E Bernardo o cura roxo do Ferrol, tío de Antía, resultou ser amigo seu. E Viruca a súa dona compartía traballo e mito alá por Sanfiz en A Veiga, coa nai de Susana por Correxais, en Vilamartín. Azares como o do pai dun amigo, indignado cun artigo que criticaba unha obra que fixera pola súa teima de construír máis alturas, e que resultou ser dun tal Lezcano.

E o último azar, o de Franco. Que dicir de Franco? Franco, foi a última broma que nos fixo Ruco, a dous revoltosos como Camilo e coma min que colaboramos na súa novela derradeira, na súa MemOria.

Aí está de fondo Ourense, que como a Ítaca da viaxe de Ulises, é o mellor sitio para volver. De feito, so sirve para iso, para volver.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Ruco, e a MemOria de Ourense