Os maios celébranse en semipresencial

OURENSE CIUDAD

Cedida

Algúns cantarán as coplas a través das redes, outros baixarán o maio á rúa

30 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano pasado a celebración dos maios coincidiu co confinamento. As rúas non se encheron con orixinais estruturas feitas de follas e plantas, nin se xuntaron os grupos a cantar as coplas. Aínda así, coa fin de manter a tradición intacta, naceu a iniciativa #CantádemeUnMaio, que organizou unha convocatoria virtual que animaba á xente a facer coplas ou maios e a subir unha foto do resultado ás redes sociais. Case 500 persoas participaron con propostas orixinais e moi variadas. Neste 2021 o festexo será semipresencial. O Concello de Ourense anunciou que non haberá programación, pero si se permitirá que aqueles que queiran saquen as súas creacións e as luzan pola cidade. Unha proposta que resulta escasa para os ourensáns que organizaron #CantádemeUnMaio. «Ourense é a cidade con menos cultura de toda Galicia. Vivir dous anos seguidos sen os maios era algo que non ocorría dende a Guerra Civil», afirman. Por este motivo decidiron manter a convocatoria virtual para este 2021. Ademais de animar a subir unha foto da copla ou da creación floral ás redes, tamén propoñen que se saquen á rúa o domingo. Recomendan colocalas en prazas que non interfiran ao tráfico e non pór máis dun por espazo. O IES 12 de Octubre, Salesianos ou a asociación de veciños do Casco Vello son algunhas agrupacións que xa confirmaron que participarán.

Non faltarán tampouco as coplas da Ronda da Auriense. Xico Paradelo, un dos membros do grupo cultural, adianta que haberá retranca para todos. «Falaremos da pandemia, agora co gallo das vacinas, dende un punto de vista optimista. Por suposto tamén do goberno local, se que hai ou se non hai...», afirma. Tamén están no proceso de creación As Mozas da Ronda da Auriense, que son as fillas dos membros do grupo, agora xa adolescentes. «A nós encántanos continuar con esta tradición que nos inculcaron os nosos pais», di Eira Losada, unha das cativas. As súas coplas falarán de Jácome e de cultura, seguro; o demais aínda está por decidir.

A asociación cultural Rebulir, de Ramirás, impulsa esta semana a recuperación da actividade «Cantamos o maio» de forma presencial, que terá lugar este sábado, día 1, no recinto escolar do Picouto. A actividade comezará ás nove e media da mañá, cun roteiro para recoller o material e logo iniciar a elaboración do maio. Despois virán os obradoiros para aprender como se compoñen as coplas satíricas, nun proceso que estará guiado por Alba Faro. Ás 13.30 horas será o momento de cantalas. Emitirase en directo a través das redes sociais de Rebulir.

Ao igual que o ano pasado, Verín celebrará esta senlleira festa mantendo a elaboración dos versos pero adaptados e optimizados para a súa lectura e difusión a través de Internet. Dez colectivos, entre colexios e asociacións, están elaborando os seus maios e coplas, e de forma altruísta, xa que non recibirán este ano ningún tipo de contraprestación. O Concello doará o diñeiro ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do CDR Portas Abertas.

En Allariz as pezas que se presentaron ao concurso de maios que organiza o Concello, lucirán esta fin de semana na Alameda. E no Barco de Valdeorras os concursos de maios e coplas tamén será virtual, e hai que inscribirse previamente na asociación de empresarios Aeva. As creacións deberán subirse ás redes co cancelo #OsMaiosnoBarco. Poderán usarse vídeos, fotografías e memes. Ademais, o concello convida a veciños e asociacións a mostrar os seus maios en parques e xardíns.