Quen ten un cuñado ten un tesouro


Non hai que perder a esperanza, pero vivimos días tan tremebundos para a convivencia que custa imaxinar un levantamento popular que recupere o dereito á risa quimicamente pura. Por sorte, en ausencia doutras subversións igual de desexables, temos as gargalladas que nos regala Cuñados, a divertidísima película de Toño López, que aí segue nas pantallas camiñando en dirección contraria a estes tempos nada graciosos. Persiste en favor da risa coa súa aventura de secuestradores tarambainas en Ourense, convidándonos á diversión porque si, oposta aos ruídos antipáticos que nos abouxan dende Madrid. Non son días propensos ás bondades do humor branco. En horas intransixentes e malencaradas, máis dispostas ao escarnio, todo opera na súa contra. Por iso ten un aire algo extemporáneo o xeito en que os conspiradores Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez e Miguel de Lira, ese trío de ases, poñen a funcionar a risa. Coma se coas súas interpretacións recuperasen, no medio da escuridade, unha maneira limpa de facernos rir que tiñamos desmobilizada.

Na ficha técnica da película indícaselle ao espectador que estamos ante unha comedia. Por suposto que si, e das que chaman a celebrar a vida con alegrías dionisíacas. Comedia de aromas italianos escrita por Araceli Gonda apropiándose do espírito de Mario Monicelli ou Dino Risi, con esa historia de malandríns entrañables que argallan un plan estrambótico para xuntar os cartos que precisan. Os ourensáns somos de tendencia italiana: abonda con ler a Bieito Iglesias describindo a Chavasqueira da súa infancia para que se nos entenda a través de Pasolini. Pero Cuñados pertence, máis alá da comedia, a un xénero superior que en Ourense e no resto do mundo etiquetabamos con outro cualificativo cando eramos nenos. É iso que algún vez se chamou unha película de risa, aínda que ninguén fale xa do cine neses termos. Unha película de risa igual que segue habendo películas de medo, por moito que agora lle poñamos etiquetas máis sofisticadas. Penso que é o mellor xeito de definila, coa súa capacidade para levantarse contra a escuridade pola vía da gargallada. A min gustaríame vivir estes días en Cuñados. Nunha película de risa con viño do Ribeiro. Porque en Madrid están botando unha de nazis e non parece de Ernst Lubitsch.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Quen ten un cuñado ten un tesouro