«Otero Pedrayo cambiou a miña maneira de facer escultura»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O escultor ourensán recibe esta tarde o premio Trasalba

24 abr 2021 . Actualizado a las 10:22 h.

A pandemia do covid-19 non mantivo na casa ó escultor Manuel Buciños. Ós seus 82 anos vai tódolos días ó seu taller a traballar e iso, afirma, salvoulle os meses da pandemia. Hoxe recibe o premio Trasalba 2020 que outorga a Fundación Otero Pedrayo, nunha cerimonia atípica pero chea de sentimento.

-Un recoñecemento importante e con importante significado para vostede.

-Teño que agradecer todo o que don Ramón fixo por min cando regresei a Ourense. Levaba anos fóra de Galicia e axudoume moitísimo en tódolos conceptos e aspectos, sobre todo no de país, no seu nacionalismo tan perfecto e equilibrado. Marchei de aquí con 16 anos e regresei con 24. Desconecteime de Galicia durante os anos que vivín en Madrid e viaxei por Europa. El conectoume de novo. De feito, Otero Pedrayo cambiou para sempre a miña maneira de facer escultura. Deixei a escola facendo abstracto porque era o moderno e quería estar á última. Pero cando volvín sentinme obrigado e con necesidade de facer escultura galega. Cambiou o meu estilo, e a miña forma de expresarme, hasta agora.

-¿Como o coñeceu?

-Cando regresei, Ourense era a Atenas de Galicia, un referente cultural. Estaba tomando un café no Miño e el estaba alí. Presenteime e comezou a nosa relación. Cando había algún acto público sempre me ofrecía a levalo á súa casa. Fixen bastantes viaxes con el a Trasalba, despois de conferencias ou ceas.

-No 2020 concédenlle o premio Trasalba e inaugura unha exposición no centro cultural Marcos Valcárcel. Foi un bo ano

-Moito. Na exposición traballei moito e quedei moi contento de como resultó. A pena foi que so estivo aberta 20 días dos 4 meses previstos, xa que aos poucos días da inauguración foi o estado de alarma. O importante é que houbo xente que puido vela e escribiuse un libro sobre ela.

-Leva mais de sesenta anos traballando sen parar.

-Estou facendo varios encargo s e un monumento a Carlos Casares, que se colocará na cidade de Ourense.

-Tamén tivo boa relación con Casares.

-Vivín en Ourense con Casares. Andabamos todo o día de cafés e participabamos en faladoiros nos que estaban Os Artistiñas. Tiñamos aquel sentimento de pertenza a un grupo.