Touriñán: «Eu son bastante máis cuñado que o meu cuñado»

OURENSE CIUDAD

Touriñán segue a tope. Hoxe estrea «Cuñados», unha comedia cen por cen galega na que compartiu rodaxe coa súa filla Antía. «A profesional parecía ela», di

09 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun mundo freado en seco, Xosé Antonio Touriñán (Carral, 1980) non deixa de triunfar. Hoxe mesmo estrea Cuñados, unha comedia «que soa a Galicia e na que Ourense é a protagonista central», afirma o intérprete, que encarna a un home con moito corazón e pouca cabeza que non sabería vivir sen a muller: «Xa o dicía a miña avoa: 'O que manda na casa é teu pai, pero faise o que diga eu'».

—Como afrontamos a estrea?

—É un ano moi raro, pero tamén é moi guai que decidan sacar peito e botarlle ovarios e ovos para nun momento así ser os primeiros en volver a facer unha preestrea e un evento en Ourense e en Madrid.

—Ademais cun proxecto moi galego que mostra Ourense na súa plenitude.

—Hoxe dicíanos un dos críticos que viu a peli en Madrid: «Es una manera de viajar, de tener ganas de ir a Galicia ahora que estamos todos con los cierres perimetrales». Pois si, é un pouco iso. Sabe a Galicia, porque ves aí os pratos de polbo, os viños... e empézanche a traballar as papilas gustativas. Soa a Galicia e é moi Galicia, porque Ourense e esa comarca do Ribeiro é a protagonista central desta peli.

—Ti, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey sodes tres cuñados cun plan delitivo.

—Intentando salvar. Son tres tíos que se ven metidos nun problema e nunha situación na que nunca estiveron, que non saben xestionar, e as decisións que toman son sempre as peores. Menos mal que teñen á familia e ás mulleres, que dan o sentido común. Pero son tres tipos un tanto patéticos e pallasos. É unha comedia moi riquiña e moi boa para este momento.

—Que pasa co cuñadismo?

—Dá para moito, pero intentamos fuxir dese tipo de humor relacionado co cuñadismo e creo que ata dignificamos a personaxe do cuñado e dese tipo que ti non escolliches, que escolleu o teu irmán ou a túa irmá, e que tes que aguantar. Pero estes son cuñados que caen ben.

—E ti qué tal cos cuñados?

—A verdade é que igual eu son bastante máis cuñado que el, ha, ha. É un tipo calmado, sensato e moi amable e agradable. Na vida real non só existen cuñados que te aconsellan se é mellor diésel ou gasolina, senón que son amigos tamén.

—O teu personaxe atravesa un mal momento. A muller pídelle o divorcio.

—Si. Vén dunha crise tamén a nivel profesional, porque ía para estrela do básquet e se lle torce o camiño por unha lesión. E despois vénlle un gran problema na súa vida persoal que el non ve vir, así que trata de arranxar todo á carreira, e non son as fórmulas. O que fai é estragar aínda máis todo. É un pobre home.

Teño 41 anos e aínda non sei o que quero ser de maior

—As mulleres fan un pouco esa figura matriarcal das familias galegas?

—Totalmente, é moi de matriarcado. Son as que sosteñen os piares da familia, moito máis coherentes, máis sólidas. Collen unha bodega que era do seu pai, un mundo de homes no que elas atrévense a crear un viño de autor e unha bodega de prestixio. Sen elas todo sería un desastre.

—E na túa casa?

—A miña avoa xa non está, pero sempre foron ela e a miña nai. Iso de que mandan os avós é mentira. Miña avoa dicía: «O que manda na casa é teu pai, pero aquí faise o que diga eu». Pois é así. Aínda que nós vaiamos de campións moitas veces, as que xestionan, as que saben como levar todo, son elas. A miña casa foi un matriarcado total.

—A Antía da película é a túa filla?

—Si, está a miña filla Antía, e fai da miña filla. E tamén está a afillada de Miguel de Lira. Curramos como unha familia.

—Vai para actriz?

—Non sei. É o seu debut, pero ela vai para o que queira ser. Aínda é moi pequena, ten 10 anos, e non o sabe, supoño. Non o sei eu, que teño 41 e aínda non sei o que quero ser de maior!... Eu quero que sexa o que a faga feliz. O máis importante é buscar a paixón. E se aínda por riba che pagan...

—Unha experiencia traballar con ela, ti que botabas en falta o tempo en familia.

—Si, porque eu pasaba moito tempo fóra da casa. Pero tamén con ese medo de pai, non sabes? Estas cousas ás veces convértense en malas decisións, está nunha idade na que igual o cre, pero é moi cabal a tía, moi serena. Sorprendeume moito para ben. A profesional parecía ela e non eu, ha, ha.

—Foi un ano bo para ti?

—Foi un ano de merda por todo o que pasa fóra. No meu redor estamos todos ben, tivemos sorte. Pero é que, por outro lado, foi todo bo, porque eu na vida estiven dous meses seguidos en casa coa familia. E no profesional igual, chegáronme cousas distintas ás habituais, como o que fixen con Perdomo. Cousas que igual non son tan rendibles, pero que a nivel persoal foron impagables. Estreouse esta semana tamén Rutas bizarras, con Marta Hazas... Son un afortunado. E agora hai cousiñas, en quince días comezamos unha serie para Amazon. Estamos nun momento no que hai que desfrutar do que pasa agora.