Somos pide unha rúa para Nieves Ariza, a cambadesa que se enfrontou ao franquismo na loita polas pensións das viúvas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MARTINA MISER

Esta mujer enfrontouse ás elite na posguerra pola defensa dos dereitos dos traballadores e sufriu cadea

05 mar 2021 . Actualizado a las 21:40 h.

En Somos Cambados queren aproveitar a data do 8M para reivindicar a figura de Nieves Fariza Alonso, unha pioneira en Galicia na reivindicación dos dereitos laborais das mulleres e dos traballadores, que lamenta que «sexa practicamente unha descoñecida na súa vila natal. Tino Cordal, portavoz da formación e primeiro tenente de alcalde, considera que na figura de Nieves Fariza Alonso concorren sobrados méritos e anuncia a presentación dunha moción para que Nieves Fariza dea nome a unha rúa cambadesa e se poñan en práctica as iniciativas para difundir a súa figura e o seu legado.

Segundo relatan desde a formación, a Guerra Civil sorprendeu a Nieves Fariza en Celanova, onde exercía de mestra. Polas súas ideas progresistas e laicas foi condenada a morte, pero conseguiu escapar co seu fillo de poucos meses. Ao rematar a guerra, o seu marido, traballador da construción da liña de ferrocarril Zamora-Ourense-Vigo, morre de silicose sen estar asegurado, e Nieves comeza unha loita contra a poderosa empresa MZOV para esixir o pago das pensións ás viúvas dos traballadores que carecían de seguridade social logo de conseguir que a silicose fose considerada doenza profesional. «En plena posguerra,

Nieves Fariza converteuse nun referente na loita polos dereitos dos traballadores e pola igualdade, enfrontándose ás elites políticas e empresariais ourensás». A súa firmeza e valentía conseguiron que oito viúvas cobrasen a súa pensión despois de obrigar ás autoridades a desenterrar aos falecidos para practicarlles a autopsia e demostrar que a causa do falecemento era a silicose. Tamén conseguiu que se lles aboase aos traballadores do ferrocarril o desprazamento ata os seus postos de traballo, o que lle valeu o alcume de A dos quilómetros.

Ese enfrontamento co poder político e empresarial levouna á cadea en Ourense, acusada de exercer de laboralista sen ter a titulación. Xa en liberdade, ampliou os seus estudos e fundou unha asesoría social e laboral en Ourense con sucursais en varios puntos de Galicia. En 1975, aos 64 anos de idade Nieves Fariza faleceu en Vigo.