Fai agora algo máis dun ano, parte da sociedade ourensá empezaba a inquietarse tras coñecer polo miúdo o proxecto da Intermodal que se pretende executar na cidade. Lamentablemente, a pandemia obrigou a paralizar unha mobilización máis que necesaria, e permitiu o avance daqueles axentes que menos interese teñen en Ourense.

Non é de interese para o goberno estatal, que pretende que a alta velocidade avance o máis rápido posible cara outras grandes urbes máis aló, sen reflexionar nos problemas urbanos que vai deixando ao seu paso. Conseguir rebaixar un 40% o orzamento da estación, reservar máis de 100.000 m2 para futuros tempos mellores, e facer esquecer a variante exterior, parece un plan moito máis eficaz. A fractura entre barrios, a mobilidade urbana, ou a accesibilidade da infraestrutura máis importante dunha cidade sen porto nin aeroporto, non son prioritarias.

Non interesa á administración autonómica, centrada en conectar o Eixo Atlántico coa meseta, e impulsar así o turismo nacional cara ó Apóstolo. Non é xustificable a modificación do convenio no ano 2016, cando se transforma un proxecto integrador, urbanisticamente eficiente e con valor arquitectónico, nun popurrí de recortes. Chegou con construír unha dársena de escasa calidade, financiada con fondos europeos, para cumprir coa cidade. Que máis dá se aumentamos o tráfico dunha das rúas máis contaminadas do país coa incorporación de ducias de autobuses. Ou si condenamos a accesibilidade do centro de saúde do barrio, transformando a súa contorna nunha nube de contaminación aérea e acústica. Ninguén vai pensar niso durante os 30 segundos que tarda en cambiar de transporte, aínda que chegue tarde por quedar o seu bus embotellado no tráfico.

E para o goberno municipal, máximo responsable do urbanismo da cidade, esta actuación tampouco é de interese: non son nin os seus terreos, nin os seus cartos, aínda que pronto será o seu problema. Unha intervención que non entrelaza a trama urbana, que levanta muros entre barrios, e que dificulta a mobilidade de vehículos, ciclistas e peóns, non parece a solución urbana axeitada.

Temos ante nós o investimento máis importante das próximas décadas. Poderá supoñer un impulso á economía e vida locais, ou outra pedra máis no camiño.

E isto en Ourense, si importa.

Por Rafael Castro Presidente del Colegio de Arquitectos de Galicia en Ourense

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Non interesa, pero si importa