A firma estradense Moksín recibe o premio Manuel Beiras á innovación no uso do galego

Rocío García Martínez
ROCÍO GARCÍA A ESTRADA / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

Celebra os seus 25 anos atendendo a clientes de medio mundo

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Premio Manuel Beiras, convocado polo Concello de Santiago para recoñecer o esforzo que realizan as empresas na normalización do uso do galego, vén de premiar á firma estradense Moksín polo seu uso innovador do galego. Ata o de agora, o premio viña recoñecendo ás empresas polo seu uso continuado do galego ou pola súa incorporación ao emprego desta lingua. Desta volta, o galardón premia tamén, por primeira vez, a innovación comunicativa en galego. E Moksín é o proxecto elixido.

O xurado destacou a creatividade e uso da lingua galega en todos os ámbitos da empresa, que conta con zapaterías na Estrada e Santiago. O galego é parte da creatividade nos escaparates, campañas de comunicación, tenda en liña e en todas as accións da firma. A creatividade de Moksín xa fora recoñecida tanto en Galicia como fóra, pero este supón o primeiro recoñecemento ao conxunto da súa comunicación. Na memoria de moitos está a campaña Zapatos outras historias ou o escaparate pensado para durar moitas primaveras.

Nas campañas de Moksín é habitual ver colaboracións de artistas e creativos galegos de todas as disciplinas. As cerámicas de Verónica Moar, os cestos de Idoia Cuesta ou os microrrelatos de Carmela Serantes son algúns exemplos. É tamén normal atoparse con actividades pouco habituais nunha zapatería, como catas de viños galegos ou vermús e concertos. A cultura e a lingua galega están no centro da comunicación de Moksín.

A historia de Moksín comezou alá polo ano 1995. Ángeles Torrado Barreiro collía o traspaso na Estrada dunha zapatería a piques de pechar. Con moita paciencia e dedicación converteuna nun referente. Clientes da Coruña, Ourense ou Vigo peregrinaban á súa pequena tenda, cunha forma especial de ver a moda e os zapatos, difícil de atopar noutros sitios. Os noventa non eran época de Internet, así que o boca a boca era a mellor publicidade. Como fillos de tendeira, Fran e Tino Barreiro Torrado criáronse no negocio e, segundo foron medrando, involucráronse máis e máis na tenda ata converter a Moksín no que hoxe moitos consideran unha boutique de referencia no noroeste do país. E con proxección internacional. Moksín cumpre este ano o seu 25 aniversario con dúas tendas físicas na Estrada, unha no Ensanche compostelán e unha tenda on line. Por este pequeno negocio familiar pasan clientes de Madrid, Barcelona ou Londres. A tenda en liña recibe pedidos de Nova York, Milán ou México.