Marta Míguez: «Abandonoume o deporte a min»

Sara Pérez Peral
Sara Pérez LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Tres anos despois de asistir aos xogos olímpicos de Sídney, Míguez deixou as pistas para comezar un novo camiño na xestión do deporte dende as Administracións autonómica e municipal

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como un acto de xenerosidade desmedida. Así é como describe Marta Míguez (Louredo, Cortegada, 1973) o esforzo que os seus pais fixeron para que ela e as súas dúas irmás puideran ir a Ourense a estudar. Foi alí onde, con tan só 14 anos, acadou a autonomía que precisaba para se converter en deportista de elite. A resistencia chegou da man das tantas viaxes que facía os luns aínda de noite monte abaixo para coller o autobús. E tamén das dos venres, nas que para volver á casa subía máis rápido. «Pasámolo mal, con 14 anos... Moitas veces choras», recorda Míguez. Esa forza que tivo para lanzar a xavelina e para superar os seus propios récords foi a mesma que mostrou o seu pai cando emigrou a Suíza ou a súa nai ao quedar soa na aldea coidando ao gando.

A historia de Marta Míguez co lanzamento de xavelina comezou case sen querelo. Ao principio tan só era o capricho de gañarlle a súa irmá maior, á que acompañaba cando adestraba. Descubriu que se lle daba ben, pero non foi ata que chegou á Coruña para estudar INEF cando comezou a adestrar na escola de lanzadores cuns obxectivos claros. Os primeiros recoñecementos non tardaron en chegar: en 1998 gañou o campionato de España absoluta. Nos seguintes anos, ademais de acadar os primeiros postos, Míguez batía os seus propios récords. «Non era tanto demostrar nada a ninguén como cumprir os obxectivos que propoñía», lembra. Fala dos papeis que cada ano enviaba á Federación coas marcas que esperaba cumprir. Iso era o que a motivaba a seguir mellorando. Tamén as viaxes para competir no estranxeiro: «Buscaba no atlas onde estaban as cidades, daquelas non era como hoxe».

E chegaron os xogos olímpicos: «Para min non era nin sequera un obxectivo. Ao velo nos papeis díxenlle ao adestrador: ‘‘como que xogos?''». Cando llo contou ás súas irmás non o podían crer, tampouco o seu pai, que estaba moi contento. Pero coa súa nai foi diferente:

­—Mamá, mamá. Seleccionáronme para ir aos xogos.

—E onde é?

­—En Australia.

—E a que vas alá tan lonxe? Queda aquí coa túa nai.

A transición entre o deporte de elite e a vida civil chegou tras unha operación nos xeonllos. Con 30 anos, Míguez agardaba unha recuperación pronta, pero non foi así. «En realidade abandonoume o deporte a min. E eu tamén o tiven que deixar», recorda. No 2002 comezou o seu labor na Administración local, primeiro como xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense e xa no 2007 como coordinadora, posto no que continúa. Durante dous anos, no 2017 e 2018, mudouse a Santiago para exercer como secretaria xeral para o Deporte. Unha oportunidade que empregou para traballar no amparo dos deportistas de alto nivel que rematan a súa carreira profesional. «Era o inicio de algo grande», di.

Vinte anos despois, Míguez continúa coa fixación de tender a ser mellor: «Sempre sempre sempre hai que ser cola de león. Hai tanto que aprender dos demais...».