Miguel Carballo: «Os anos que botei no Arqueolóxico foron unha etapa marabillosa»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O artista traballou como debuxante na institución da Praza Maior de Ourense

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Carballo fixo uns cantos camiños de ida e volta na súa intensa vida. Da aldea natal a Tamallancos, de alí a Madrid, de volta a Ourense e, outra volta, de novo a Tamallancos nunha aposta definitiva e vital pola arte e a creación no rural. Naceu na aldea de Surrego, Buciños, e os seus pais decidiron -como outros da contorna- achegarse á zona ourensá na procura dunha vida mellor. Aos cinco anos o neno rematou vivindo no pazo de San Damián, onde os seus proxenitores entraron de caseiros. Dos tempos nos Chaos de Amoeiro lembra como se achegaban en bicicleta ata Castro de Beiro para ver a cidade: «Dende xunto á igrexa, que está sobre un castro, víase todo Ourense. A ponte vella e todo o demais. Logo iso desapareceu cando inzaron todo de edificios».

A próxima parada foi Tamallancos e a decisión familiar botouno ao camiño. Os pais mercaron unha propiedade e el púxose a traballar para axudar á economía familiar. E fíxoo cun prantexamento ben definido. «Buciños xa era famoso polo ben que debuxaba e xa estaba en Belas Artes a min tamén me gustaba como pintaba Suances, o arquitecto, que pasaba alí os verán e era moi bo acuarelista. Daquela a miña decisión era firme: ía traballar onde puidera gañar máis cartos, para axudar aos meus pais, e aos 18 marcharía para Madrid». Andaba nos 14 ou 15 anos cando comezou na construción e, ao tempo, acudía á Academia Arte -de Feliciano Cárcamo- para facer prácticas e pintar ao óleo. Lembra aquel tempo no centro de formación da rúa Concello «porque foi cando vendín o meu primeiro cadro. Foron 5.000 pesetas, que daquela era unha pasta, e con ese diñeiro funme a Madrid a buscarme a vida».

Foron anos de inquedanzas, de moito pintar para gañarse a vida, de horas de conversas, amizade e proxectos cos Brais Pinto -«eran encontros nos que botabamos horas e Ben-Cho-Shey e máis eu, que eramos o maior e o máis novo, rematabamos fumando no balcón cando xa estabamos cansos»-, traballos alimenticios e a constatación dunha realidade abafante: «Non tiña diñeiro para ir a Belas Artes e tiven claro que ía ser autodidacta».

A mili, aquela condena en vida do franquismo, tronzoulle os soños e botouno de novo na cidade nos primeiros 70. Foron anos de apañar os traballos na procura da mantenza -«estiven en Barreiros naqueles tempos do comezo do proxecto, cando viña de cando en vez Eduardo Barreiros no seu Dogde Dart con chofer»-, de loitas contra o sistema en diferentes frontes -«da asemblea clandestina multitudinaria en Marín de CC. OO. á CNT. A noite do 23-F pilloume facendo serigrafías no local e rematei queimando toda a documentación e os carnés dos mineiros de Penouta, que aínda non lle entregaramos»- e de proxectos frustrados: como o do café cultural que non chegou a materializarse.

Paixón polo museo

Mantén gravado no sentimento o mapa vital que o xungue á zona vella da cidade: os fogares nos que viviu, aqueles dos anos ácratas, os espazos de reunión e proxectos cos amigos... e por riba de todo o Museo Arqueolóxico.

Para o pintor Miguel Carballo o Arqueolóxico é unha parte importante da súa vida. «Viña aquí a ver as exposicións, en tempos era o único sitio onde había unha sala para que os artistas puideran amosar o seu traballo, e logo rematei sendo o primeiro debuxante arqueolóxico do museo. Xa morrera Ferro, a quen coñecín, e estaba Fariña -que era profesor de Historia no Colexio Universitario de Ourense-. O obxectivo era levantar testemuña das pezas con debuxo científico e para orientarme facilitoume varios libros alemáns para que vira como tiña que facer». Foron doce fermosos e apaixonantes anos dos que Carballo garda unha excelente lembranza. «Fun un dos últimos en expoñer, se non o derradeiro, antes de que se pechase a sala. Para min foi algo especial; o tempo que botei alí lémbroo como unha etapa marabillosa. Logo dunha ducia de anos traballando no Arqueolóxico quixen volver ao rural. Levaba tempo con ese desexo e foi cando retornei».