Gabriel Alén: «O contacto co alcalde ten que ser cando se resolva o desgoberno»

«O meu xefe laboral, de goberno, é Feijoo. Por suposto que si», afirma o recentemente nomeado delegado territorial da Xunta en Ourense

Gabriel Alén, nuevo delegado territorial de la Xunta en Ourense
Gabriel Alén, nuevo delegado territorial de la Xunta en Ourense

ourense / la voz

Logo de ser alcalde de Cenlle desde o ano 2011, Gabriel Alén Castro (Ourense, 1977) dimitiu para ir nas listas do PP ás autonómicas. Tras incorporarse ao Parlamento de Galicia deixou o seu cargo de confianza como coordinador do grupo popular na Deputación ourensá, pero durou pouco no Hórreo. Acaba de ser designado delegado territorial da Xunta en Ourense, un posto no que toma o relevo de Marisol Díaz Mouteira, que si quedará esta vez como parlamentaria autonómica.

-Parece que empeza forte, con moitos encontros institucionais e visitas oficiais. Pensa manter ese perfil?

-Xa como alcalde era así. Son unha persoa intensa. Cando estou en algo quero estar intensamente desde o primeiro minuto. Había ademais temas moi candentes, nos que quería estar, como é o dos incendios. Tiven a oportunidade de asistir a unhas charlas formativas para equipos directivos e de estar tamén co sector sanitario e co educativo. Parecíame importante darlles un agradecemento pola labor que están desenvolvendo coa pandemia. Entón, si, hai que empezar forte porque non pode ser doutro modo, hai que estar pisando territorio e Ourense a verdade é que o pide. En política, minuto que pasa, minuto que perdes.

-Nunhas poucas semanas pasou de alcalde a parlamentario e, agora, a delegado territorial. Como leva tanto cambio?

-Foi complexo, pero tamén gratificante polo nivel de confianza que mostran en ti en seis meses. Sendo alcalde, tendo unha alcaldía estable, que os teus xefes provincial e autonómico, sen telo pedido ou pretendido, confíen en ti para ir nunhas listas, que é algo moi demandado a nivel político, e que despois fas a túa primeira intervención no Parlamento e acto seguido confían tamén en ti para ir como delegado territorial da Xunta... É un posto que, para alguén que foi alcalde, é moi interesante. Sei moito do que demandan os alcaldes.

-Son moitos os alcaldes que xa pediron cita para pedirlle cousas?

-Teño que dicir que si. Antes de tomar posesión, na fin de semana falei con todos eles, de todos os grupos políticos.

-Con todos? Os 92?

-Hai algún que chamei dúas ou tres veces e non me colleu nin devolveron a chamada, pero poden ser seis, sete. Pero si, chamei a todos porque eu sabía que a partir do luns a actividade ía ser frenética aquí na Delegación. Sabía que ía ser máis complexa a comunicación cos alcaldes e telefonicamente atendín a todos eles. Xa teñen solicitada cita algúns deles e, en canto ordenemos a casa e poñamos todo a andar, empezaremos a recibir aos alcaldes, tanto aquí como fóra porque me gustaría abandonar o despacho e pisar territorio.

-E con Jácome?

-Non. Pola situación institucional que vivimos aínda non.

-Non o chamou ou non colleu?

-Non o chamei, non o chamei. Aí vou ser sincero porque sabemos a situación que vive o Concello de Ourense e, na liña institucional da Xunta de Galicia, estamos esperando que nos próximos días se forme goberno porque o alcalde non ten apoio agora mesmo nin do seu equipo. Será no primeiro minuto que se estableza, sexa el ou sexa calquera outro alcalde que teña un apoio maioritario. Nós estaremos cos veciños da cidade de Ourense, tanto en proxectos como en relacións institucionais, pero ese contacto co alcalde ten que ser cando se resolva esta situación de desgoberno.

-Vexo que leva a pulseira da «Ourensanía». Se houbese unha discrepancia entre Feijoo e Baltar, de que lado estaría vostede?

-No posto no que estou agora mesmo, estou na Xunta e o meu xefe laboral, de goberno, é Feijoo, por suposto que si. Se me preguntas a nivel político, teño lealdade plena ao presidente provincial e ao presidente autonómico. Non teño ningún tipo de preferencia, teño unha extraordinaria relación con ambos e, de feito, ambos confiaron en min para todas estas encomendas nestes seis meses. Se xurde un conflito habería que ver por que xurde e nada máis, pero a nivel gobernamental o meu xefe é Feijoo, evidentemente.

«Moitas veces nos incendios hai factores sociais e eu penso que é bo detectalos»

Gabriel Alén dedicou parte do seu primeiro día oficial como delegado territorial da Xunta a visitar os municipios de Rairiz de Veiga, Cualedro e Monterrei, afectados nos últimos días por grandes incendios. Quería coñecer de primeira mao a afección que provocaron os lumes e aproveitou para destacar o esforzo dos equipos de extinción.

-Todos os veráns igual. Ten solución esta traxedia anual? Como pensa que debe enfocarse este asunto?

-É un tema recorrente, de todos os anos. Penso que debemos ir por políticas de prevención e polo aproveitamento de terreos abandonados. Non podemos ter unha provincia como a de Ourense, cun sector primario e un sector turístico dunha extraordinaria calidade, cos terreos abandonados. Temos que apostar por políticas de valorización do terreo. Temos que traballar todos xuntos e eu o outro día quixen escoitar á sociedade e aos alcaldes para saber o que está pasando. Moitas veces nos incendios hai factores sociais e eu penso que é bo detectalos.

-Outro dos seus primeiros actos como delegado territorial da Xunta estivo relacionado coa sanidade. Está preparado o sistema sanitario na provincia para soportar unha segunda onda da pandemia?

-A segunda onda estámola soportando xa. Eu penso que o gran problema que tivemos en marzo foi que non sabíamos que criterios seguir e se descontrolou todos. Por outro lado, se resistimos eu penso que é porque temos un dos mellores sistemas sanitarios de Europa. Agora sabemos moito máis, estanse aplicando máis medidas de prevención e facéndose máis tests. Iso está ocasionando que haxa moitos positivos, pero son menos graves porque os asintomáticos están florecendo e evitamos que haxa novos contaxios.

«No horizonte temos algo importantísimo, como é o gran balneario»

Trala finalización da autovía de Celanova, o enlace do polígono de San Cibrao á A-52 ou o Pazo de Xustiza, salvo pola terminal de buses da estación intermodal ou pola execución das próximas fases do plan director do CHUO, as grandes obras dos últimos anos da Xunta de Galicia en Ourense están xa terminadas.

-Que outras infraestruturas deben abordarse agora con carácter prioritario na provincia?

-No horizonte temos algo importantísimo, como é o gran balneario. É algo importantísimo para Ourense, pero é necesario para toda a provincia. Temos dos mellores recursos de Europa e temos boas instalacións, pero necesitamos a guinda, aquilo que nos dea un salto de calidade. E iso é o gran hotel balneario, que nos permitirá atraer turistas de un alto valor.

-Pero iso xa se prometeu na campaña das autonómicas do ano 2016. Que pasou para que aínda non se fixese nada?

-Estamos pendentes da cidade de Ourense, que diga onde e como. Hai un problema co plan xeral e falta por saber a ubicación. Eu podo dicir que un dos encargos que teño do presidente da Xunta é que necesitamos que Ourense diga onde. Se o deciden, hai o compromiso firme de desenvolvelo. Ademais temos programado o do hospital, como dicía, e a estación do AVE, que ten que facerse de modo coordinado coas outras Administracións, con lealdade institucional.

-O deseño da estación intermodal foi moi contestado. Terá Ourense unha infraestrutura de calidade ou quedarémonos a medio camiño?

-Por suposto que vai ser unha extraordinaria infraestrutura. Temos un deseño confirmado e o que hai que facer é executalo. Xa foi avaliado, xa foi debatido e o que temos agora que facer é poñela en marcha. Vai ser a porta de entrada do AVE en Galicia e isto vai ser moi importante. Aí temos un papel importante as Administracións en saber aproveitar esa oportunidade, pero a oportunidade non vai ser en si o edificio. Si que temos que garantir a permeabilidade da cidade, pero o importante é facer un plan director para aproveitar ese fluxo de visitantes que podemos ter a nivel turístico ou incluso habitacional, para asentar poboación en Ourense.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Gabriel Alén: «O contacto co alcalde ten que ser cando se resolva o desgoberno»