«Aeroespacial ten que aportar valor e calidade, non crecer por crecer»

XIANA FOLE GARZA OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

O grao conta coa nota de acceso máis alta do campus de Ourense

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grao en Enxeñería Aeroespecial da UVigo, impartido no campus de Ourense, é único nas universidades galegas e conta con só catro anos de vida. O éxito dende a súa implantación, no 2016, é incontestable: hoxe segue a ter a nota de corte máis alta para acceder ás carreiras do campus, cun 12,070. Higinio González Jorge, profesor da titulación e subdirector da Escola de Enxeñaría Aeronáutica, fai un balance da traxectoria do grao.

-Cales son as potencialidades do grao?

-O grao de Enxeñaría Aeroespacial é un grao clásico de enxeñaría, que forma un tipo de titulados moi transversais. Ademais do seu potencial no sector aeroespacial -que non só é aeronáutica, tamén comprende satélites, sistemas aéreos non tripulados...-, teñen unha carga de enxeñaría moi potente para traballar no sector automobilístico, no sector mecánico, na construción, consultaría... Pensamos que é un grao bastante formativo nun concepto global da enxeñaría.

-É unha carreira con moitas saídas.

-Entendemos que si. Agora o sector aeronáutico vai ter un par de anos complexos, o que é o transporte aéreo, por todo o tema da covid e demais. Pero a aeronáutica non é só o transporte de persoas, é tamén o sector espacial, satélites de comunicación, de observación, de posicionamento e navegación... máis as aplicacións prestadas a outros sectores. Os rapaces van ter unha boa saída profesional.

-Como foi a experiencia da primeira promoción deste grao?

-Pois este ano é certo que se graduou a primeira promoción de alumnos do grao de Enxeñaría Aeroespacial de Ourense. Por desgraza, non conseguimos rematar o mestrado habilitante en enxeñería aeronaútica, pero hai un acordo entre as universidades e a Xunta e esperamos que para o ano que vén isto se poida implantar e impartir de forma axeitada.

-Eses alumnos recén graduados terán que ir facer o mestrado fóra de Galicia.

-Si, terán que ir a Madrid, a León, a Valencia... outros sitios onde se imparte o mestrado. É unha disfunción que temos na escola e que agardamos que se arranxe ao longo deste ano, debería estar listo para o curso 2021-2022. Sería un mestrado habilitante nas atribucións de enxeñeiro superior aeronáutico, de dous anos de duración. Aínda que se desenvolvería na Universidade de Vigo, no campus de Ourense, os alumnos terían a opción de cursar algunha materia optativa do segundo ano na Universidade da Coruña.

-Por que cre que é unha das carreiras galegas máis demandadas?

-É unha carreira que ten unha nota de corte alta en toda España, non é algo singular de Ourense. Eu penso que hai unha tendencia nos alumnos de aproveitar a nota da ABAU, coma se un alumno que saque un 13 ou un 12 tivera que facer algunha das ?carreiras estrela?. É algo psicolóxico, non sei como chamalo. O alumnado tende a pensar que se a nota de corte é alta, a carreira é mellor.

-Proponse ampliar prazas?

-Eu penso que non sería unha boa decisión. Ampliar prazas dun grao por ter éxito captando alumnos, non ten sentido. 50 prazas non están mal, hai que seguir medrando, mellorando na investigación, nas prácticas, nos convenios con universidades estranxeiras... Aportar valor e calidade, non crecer por crecer. Hai moitas prazas de enxeñaría en Galicia. Se nós entraramos nun terreo de 200 alumnos por curso, a longo prazo acabaríamos perdendo.

-A nota de corte actual pode variar.

-Claro, seguramente na primeira chamada de alumnos non se vaia encher. Logo vanse chamando ata chegar ás cincuenta prazas, e aí pode oscilar. O bo de ter unha nota de corte moi alta é que garante uns alumnos na recámara que queren entrar e acabarán entrando. Logo igual baixa ata un dez e pico, ou un once. Nós non temos só alumnos de Ourense, atraemos a rapaces doutras provincias e de toda España.

As dificultades dun grao con só catro anos de vida: as prácticas e os intercambios

Ser a primeira promoción dun grao supón para o alumno estrearse en tódolos aspectos: as primeiras caras da orla, os primeiros exames xamais cursados, aprobados ou suspensos. Porén, a nivel organizativo, garantir a calidade e a igualdade de oportunidades con respecto a outras titulacións veteranas é un traballo difícil. Require xestionar convenios de prácticas, de intercambios, e intentar orientar á ensinanza cara un niveis de calidade e punteira innovación, tan requirida no sector tecnolóxico.

-Como se desenvolve o sistema de prácticas no grao?

-Os estudantes de cuarto ano, no verán, teñen a posibilidade de facer prácticas profesionais. Este ano moitas tiveron que ser telemáticas, claro. Temos diversas empresas do entorno de Galicia, ben do sector aeronáutico como Coasa ou Delta Vigo, e tamén operadoras de sistemas aéreos non tripulados ou empresas do automóbil que tamén recibiron moi ben ós nosos estudantes.

-Que estadías Erasmus están dispoñibles para o alumnado?

-Tivemos alumnos de Erasmus en Noruega, Italia, Francia, Portugal, Bulgaria... É algo que aínda temos que seguir mellorando, pero xa se lle deu a oportunidade ós primeiros alumnos. Os primeiros alumnos, as primeiras prácticas, os primeiros TFG... todo iso é complexo, son dereitos que debería ter o alumno, que hai que conseguir e pouco a pouco ir mellorando.

-E que hai da tendencia vocacional da xente que cursa o grao?

-Pois penso que é xente cunha vocación moi clara no ámbito científico-tecnolóxico, que lle gustan as matemáticas, ou mesmo no ámbito da enxeñaría. A nosa experiencia é que é un alumnado moi involucrado. Temos uns niveis de asistencia moi altos e de implicación do alumnado moi elevada.