«Na emigración, a morriña lévase ben se te defendes no económico»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

José Mosquera vive hai 33 anos en Estados Unidos pero vén cada ano a Ourense

10 ago 2020 . Actualizado a las 08:03 h.

O pasado 5 de agosto fixo 33 anos que José Mosquera, natural de Celanova, chegou a Estados Unidos. Logo dos inicios duros de todo emigrante, acabou por botar raíces. Pero todos os anos regresa a súa terra natal a pasar unha temporada, que pode ser de dous ou tres meses pois xa está xubilado. Cada verán adoitan viaxar tamén a Ourense os seus fillos. O covid-19 rachou polo de agora os plans de viaxe, e a familia xa tivo que cancelar por dúas veces os seus billetes. Con todo, José aínda confía en poder vir este ano cando a situación pola pandemia mellore.

«En Acevedo do Río vivíamos máis ou menos, pero un cuñado dixo que se nos íamos para alá», lembra. Tardou cinco anos en dar o salto ao Atlántico, esperando que os fillos foran grandes dabondo para iren á escola e non necesitaren gardería. Daquela, fixo as maletas coa dona e os pequenos e asentáronse en Kearny, Nova Jersey, no lado oeste do río Hudson, onde continúan residindo. Na outra beira están as torres de Manhattan, Nova York, que divisa desde a súa casa, di José.

O feito de chegar documentado axudou nos inicios e o traballo non lles faltou nin a el nin á muller. Mosquera dedicouse á construción, traballos duros levantando pontes, aeroportos e outras edificacións. Para aprender o inglés, explica que durante un tempo foi de noite a un instituto. «Funme defendendo e incluso estiven de encargado», conta no que ten que ver coa lingua.

Xubilouse hai nove anos, algo do que está contento, e agora vén a Ourense de vacacións, pero non definitivamente. «Cando compras propiedade e tes familia, faise máis difícil», apunta. Ten dez netos e catro fillos que viven preto, polo que se ven con frecuencia. Aínda que ben adaptado ao seu país adoptivo, José Mosquera e a familia manteñen moitos costumes galegos e españois. Acontece coa gastronomía pois seguen a comer ao estilo galego coa facilidade que teñen para atopar os produtos típicos en Estados Unidos. «Aínda que estamos no verán, a xefa fixo hai pouco un cocido galego», revela. Comenta José que é algo que fan os emigrantes de distintas culturas, conservar os seus costumes na mesa. Os fillos tamén o fan aínda que tamén varían máis tipos de cociña internacional cando van comer fóra a restaurantes. Na casa, falan español ou galego. Di José que hai xente que veu de fóra que xa non o fai, que deixan de falar o idioma materno cos fillos e pásanse ao inglés, pero non na súa casa, onde lles inculcaron manter o español desde pequenos.

«Na emigración queda aí sempre iso de ter que saír do teu pais, cada un ten a súa morriña pero lévase bastante ben se te defendes no económico, e tamén axuda poder ter a túa propiedade», reflexiona. Salvo este ano, pola pandemia, tamén axuda o poder vir de visita a Galicia todos os anos. «É obvio que hai moitas ganas de ir aí e saudar a familiares. Teño a a pasaxe para cambiar a fecha pero hai máis respecto polo que pasa que polo gusto da viaxe», comenta José, que segue as noticias de Galicia desde a diáspora. En Nova Jersey intenta ser precavido e evita reunións e saír moito como adoitaba facer antes da pandemia. Tamén deixou de ir visitar a filla, que vive en Pensilvania, porque non está recomendado facer ese tipo de desprazamentos.

O veciño estado de Nova York foi, estatisticamente, un dos máis afectados polo coronavirus. A súa familia, afortunadamente, estivo ben, pero ten coñecidos galegos que tiveron a enfermidade e incluso soubo dalgún falecido. «Os do centro ourensán de Newark falamos por teléfono ou mandámonos mensaxes. Non merece a pena xuntarse moito, hai que esperar que a cousa descanse un pouco», asegura. A colonia galega na zona, di, non é moi grande, comparada con portugueses ou italianos.

 A vida en nova jersey

Aínda que ten a cidade de Nova York a poucos quilómetros, José prefire a vida tranquila de Kearney. É unha localidade pouco industrial, situada ao oeste de Nova York, nunha zona chea de pobos que van uns a continuación doutros. Se ten tempo, anda en bicicleta, visita amigos ou fai «bricoladas». Tamén ía, antes do covid, ao centro ourensán de Newark. «Non me aburro, non estou moito no sofá», di.

Traxectoria vital

Cambio profesional e familiar. A familia de Mosquera, nado en Vilanova dos Infantes (Celanova) coñecido polo alcume de Chancas, dedicouse sempre á madeira, desde tempos do seu bisavó. Tiñan un serradoiro, pero ao chegaren a Estados Unidos cambiou de actividade e comezou a traballar na construción. E nunca lle faltou o traballo. A muller tamén traballou doce anos. Ambos están agora xubilados. E José, con setenta anos, está pasando ben este tempo, desde que se prexubilou, hai nove. Aínda que agora, polo covid, están «medio arrestados», por precaución e tamén porque inda hai moitos locais pechados. Os fillos si que se desprazan a traballar a Nova York ou fan as tarefas desde a casa. Mosquera admite que en Estados Unidos hai oportunidades laborales e para estudar. Os fillos, tres homes e unha moza máis nova, puideron facer estudos, salvo o máis vello que non quixo, e teñen todos traballo.