Nin festas nin procesión na Ponte

Xiana Fole OURENSE

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias

A celebración do Santiago Apóstolo non poderá realizarse este ano no barrio ourensán

25 jul 2020 . Actualizado a las 08:49 h.

Unha das datas máis destacadas na cidade chegado o verán son as festas de A Ponte. Fogos artificiais, yincanas infantís e verbenas adoitan ser algunhas das actividades do programa de festas, ademais da tradicional procesión, acompañada pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Non será así este ano: non haberá festa, verbena e tampouco procesión. O que si se manteñen son os oficios relixiosos, con un control de aforo e as medidas pertinentes para garantir a saúde.

A situación da covid-19 deixa fóra de xogo a calquera celebración multitudinaria, dende un concerto ata unha procesión. Estas últimas formaban parte da tradición relixiosa de A Ponte, pero na situación actual non están recomendadas polas autoridades sanitarias.

Hoxe, día de Santiago Apóstolo, os veciños de A Ponte poderán acudir as misas na igrexa de Santiago das Caldas. Serán as habituais dun día festivo, é dicir, ás nove e media da mañá, ás doce e ás oito da tarde. «Ás doce teremos a misa máis solemne, en honra a Santiago Apóstolo, o noso patrón. Pero sen procesión, só a celebración da eucaristía», conta Luis Pérez, co-párroco de A Ponte.

Na xornada de mañá, 26 de xullo, as misas celebraranse á mesma hora, coa diferenza de que o oficio das doce estará dedicado ás persoas maiores e contará coa presenza de Leonardo Lemos, bispo de Ourense.

«Ó ser a festividade de san Joaquín e santa Ana, os avós de Xesús, na misa de mañá ás doce lembrarémonos de maneira especial das persoas da terceira idade, e virá a presidir esa eucaristía o señor bispo», sinala o sacerdote.

As medidas de seguridade seguiranse rigorosamente, con máscara obrigatoria, uso de hidroxel e separación nas bancadas da igrexa, tamén á hora de comulgar.

A xente que acude habitualmente á igrexa, di Luis Pérez, xa está acostumada a estas condicións, pero volverán explicarse no oficio de hoxe por se hai algunha cara nova. «É un ano atípico, e procuramos poñer a saúde por riba de todo, porque é o máis importante neste momento. Intentaremos facer o que é a celebración das eucaristías, pero evitando calquera tipo de aglomeración», conclúe.