«A maxia da campaña dos nenos é que a xente perde o medo a entrar nas librarías»

XIANA FOLE GARZA OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

A iniciativa do Concello eleva as vendas de libros en Ourense

15 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña do Concello de Ourense «Un libro desconfina a túa imaxinación» continúa ó longo do mes de xullo con valoracións diversas. Hai libreiros que aseguran que a afluencia se mantén; outros, que as vendas caeron tralo bum dos tres primeiros días. No que todos concordan é no soprido de aire fresco que supón esta iniciativa para as librarías ourensás despois dos meses de confinamento, e en que funciona como reclamo para atraer xente ó espazo comercial. «A maior maxia desta campaña é que a xente perde o medo a entrar nas librarías e botar unha ollada. Pode ser que ese día collan un libro para o rapaz e nada máis, pero igual, se quedan coa cousa, unha semana despois volven», conta José Manuel García Mosquera, xerente da libraría Kathedra e presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense.

Alén da súa función social, regalar un libro a tódolos rapaces menores de dezaoito anos é un impulso fundamental para a economía das librarías, sobre todo cando a compra non vén soa. «Son 200.000 euros que dedica o Concello de Ourense para libros en formato papel, para nenos, e que só se poden mercar nas librarías, apoiando tamén o tecido comercial», sinala a responsable de Padre Feijóo, Pilar Rodríguez. «A min cónstame que cantidade de nenos na zona do Posío, que é unha zona un pouco deprimida, nunca tiveron un libro de seu, e vano ter por primeira vez grazas a esta iniciativa», engade Rodríguez, quen tamén é a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia.

Os libros máis vendidos, din os libreiros, tal vez sexan os ilustrados, ou aqueles máis especializados. «Os libros de divulgación vendéronse moi ben, incluso ós que superan o rango de prezo, a xente pon a diferenza», indica Miguel Mosquera, propietario do espazo Punto e Coma. Refírese a libros como o Atlas de Galicia Pequeniña, a historia ilustrada de Galicia dende os primeiros celtas ata a actualidade, pasando pola música ou a gastronomía. «A xente merca o que lle gusta ó rapaz, non hai pegas por pagar a diferenza, ou ó revés. O outro día unha nai mercou un libro de dous euros», concorda o xerente de Kathedra. A iniciativa, polo tanto, funciona non só como agasallo ós cativos, senón como pretexto para aumentar todo tipo de vendas.

«Es un aliciente para las ventas, una manera de poder llegar a fin de mes más cómodos, o poder llegar», di Mari Carmen Losada, dona da libraría Cisne. «Nós perdemos o Día do Libro, o das Letras Galegas, o do libro infantil e a feira do libro», lembra Mosquera. En canto ó rango de idade, non se sinala diferenza entre os máis pequenos, aínda que a iniciativa non parece calar nos adolescentes. «Eu son unha lectora activa, encántame ler, pero os meus amigos, en xeral, non len» conta Claudia Blanco, de quince anos, ó ir recoller o seu libro. Segue así unha iniciativa que contenta a todos, libreiros e lectores.