Os heroes do 93 sorprenden o Arousa de Rafa Sáez

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

Os actuais xogadores arlequinados atopáronse onte cun vídeo motivacional que lles prepararon os protagonistas do último ascenso do equipo vilagarcián á Segunda B

16 jul 2020 . Actualizado a las 18:33 h.

A de onte era a súa última sesión de traballo da quinta e penúltima semana na gran carreira de fondo. A oito días exactos de comezar a que, esperan, sexa a primeira das dúas partes dunha viaxe que devolva o Arousa á categoría de bronce do balompé español, os futbolistas de Rafa Sáez atopáronse cunha enorme e emotiva sorpresa. Con intención de poñer o seu gran de area, boa parte dos integrantes da última versión do conxunto arlequinado en conseguir o ascenso á Segunda División B dirixíronse aos seus sucesores nun vídeo de 11 minutos. Unha peza documental que pasa a converterse noutro anaco da historia do club, e que buscou servir de panca motivacional para uns deportistas que comezan a proxectarse no céspede de Balaídos o vindeiro domingo 19 co Ourense C.F. coma obstáculo para chegar á gran final.

Integrantes daquel conxunto que, baixo a dirección de Félix Carnero, conseguíu devolver por última vez ata hoxe o Arousa tanto a unha fase de ascenso a Segunda B como á propia categoría participaron nun vídeo promovido por un deles, Leites.

«Hola a todos. Soy Gabriel, ex jugador del Arousa y componente de la plantilla que en el año 93 conseguimos ascender a Segunda B. Este año os toca coger el relevo a vosotros. Mucha fuerza y mucha suerte en la fase de ascenso. ¡Forza Arousa!». Con estas palabras arrincou a sucesión de mensaxes do pasado glorioso dirixido cara aos homes de Rafa Sáez.

«Quería darvos os parabéns por ter conseguido meter o equipo neste play-off, e pedirvos un último esforzo para conseguir poñerlle a guinda a esta excepcional tempada [...] A familia arousista estaremos animándovos a tope ata o último momento», díxolles Javier Fontán, que gozará con orgullo de ver un dos seus fillos sucedelo no asalto á Segunda B coa camiseta arlequinada.

 «Os toca romper esa racha de 27 años. Creo que es el momento. Tenéis los mimbres para conseguirlo. Tenéis una gran directiva, un gran equipo, un grandísimo entrenador y una grandísima afición», apuntou Casal, un dos capitáns da quinta do 93. Con Máikel, un dos grandes xogadores saídos da canteira do Arousa, respaldándoo: «Si nosotros fuimos capaces de hacer el sueño posible, vosotros también sois capaces de hacerlo».

Na mesma liña lles falou aos futbolistas presentes Nacho Fernández, nas filas do conxunto do último ascenso vilagarcián e autor o pasado verán á par de Rafa Sáez da construción do equipo que levará o nome do Arousa a unha promoción á Segunda B 27 anos despois: «Ahora queda lo más bonito, disputar el play-off. Estoy convencido de que lo vais a lograr».

 O promotor do vídeo, Leites, salientou que «tenéis la oportunidad de relevarnos, que ya va siendo hora. Estáis a dos partidos nada más de conseguirlo. El primero será complicado, será difícil. Lo váis a sacar. Estáis preparados, tenéis entrenador, tenéis equipo, tenéis grupo, tenéis mentalidad. Y el segundo va a estar chupado».

A Domingo Bugallo correspondeulle o peche das alocucións. E fíxoo cunha mestura de solemnidade, dicíndolles aos de Rafa Sáez que «parece que a vós vos escolleu a vida para este gran reto», e un toque de humor final tan necesario en calquera circunstancia da vida: «¡Ah! E outra cousiña. Cando sexa a festa de celebración a miña xeración quere unha invitación. ¡Forza Arousa!».

«Esto es como cuando se alinean Saturno con la Luna y la Tierra»

As palabras de ánimo son comúns en todos os membros da xeración do 93 no seu vídeo aos seus sucesores. Pero tamén hai consellos. «Tedes que ser moi fortes, moi dinámicos; entregarvos a tope mental e fisicamente» dilles Milucho, quen sinala que «as condicións son distintas», por canto a eles, campións de Liga, lles tocou ser os mellores nunha liga a dobre volta co Moscardó, co Ríber de Salamanca e co Lealtad de Villaviciosa. O Arousa ascendeu entón na derradeira xornada derrotando 3-0 o Ríber na Lomba, sumando así 10 puntos de 12 posibles por diante do Moscardó, con 8.

 Jorge Varela dá por descontado que «estáis súper motivados». E iso porque, usando un símil, «esto es como cuando salen por la tele y te dicen ‘Hoy se alinean Saturno con la Luna y con la Tierra; no va a volver a pasar hasta dentro de 30 años’. ¡Bueno! Pues vosotros sois los elegidos. Del último ascenso hace 27 años, seguramente alguno no había ni nacido [...] Tenéis la oportunidad de conseguirlo, de escribir vuestro nombre en la historia del Arousa como hicimos antes nosotros».

É por todo o anterior que Adriano, outro dos heroes do 93, lles adianta aos de Rafa Sáez que «os vais a acordar toda la vida de este momento si conseguís el ascenso. Así que haced todo lo posible para no dejarlo escapar. Cuando tengáis mis canas os vais a seguir acordando de ese momento. Mucha suerte y ánimo».