Xosé Manoel Núñez Seixas: «Para min, os veráns en Ourense resumíanse nunha palabra: calor»

La Voz

OURENSE CIUDAD

Xosé Manoel Núñez Seixas, diante da casa natal de Karl Marx, en Tréveris (Alemania)
Xosé Manoel Núñez Seixas, diante da casa natal de Karl Marx, en Tréveris (Alemania) CEDIDA

O catedrático de Historia da USC rememora a súa volta efémera á cidade no 1988

13 jul 2020 . Actualizado a las 20:19 h.

Rematara cuarto curso da carreira de Historia na USC. Saír cos amigos da facultade compostelá ata o abrente, voltar á pensión a tempo para almorzar. Os meus pais recolleríanme a media mañá. Porén, chegaron antes do previsto e nada durmín. O meu pai algo cheiraba, mais o dono da pensión comentoulle: «Ás oito e media estáballe xa aquí o rapaz almorzando».

Viaxe a Ourense, con sorpresa: pola tarde íamos a Golpellás, alá por San Cibrao, á finca do meu curmán Paco. Cumpría facer non sei que cousa. Sobrevivín ó día. Non pasei moito tempo daquel verán do 88 en Ourense. Eu era e sempre fun un ourensán atípico. Por mor do traballo do meu pai, vivíramos varios anos, os da miña infancia serodia e adolescencia, fóra de Ourense, e só voltaba algún días no verán. Non tiñamos aínda casa de noso, pois a herdanza familiar da rúa da Lúa estaba alugada; e quedarmos na casa dos tíos máis dun par de días era complicado. Pero no 1984/85, cadrando co meu primeiro ano na USC, mudáramonos á rúa Manuel Pereira. Para min os veráns en Ourense resumíanse nunha palabra: calor. E moita natación, na piscina dos Remedios. Coñecía pouca xente da miña idade. Quizais por iso procuraba sempre pasar os veráns fóra, ás veces moi lonxe: Romenia (xullo do 1986), cursos de verán (1987), Berlín, Kassel e Tréveris (de xullo a agosto do 1988). Aquel verán de 1988 collín un tren en Ourense-Empalme: o expreso para Hendaia. De alí a París, e de París a Berlín occidental.

Comezara a estudar alemán dous anos denantes no Instituto de Idiomas da USC, e colléralle afección. Tanta, que determinaría a miña vida académica e persoal. Un curso de idiomas, despois unha visita a amigos en Kassel (como Anne, que fora estudante de intercambio na USC), un campamento de arqueoloxía en Tréveris (intercambio entre as cidades de Tréveris e Compostela). Solteime no idioma, coñecín novos mundos, desfrutei intensamente das experiencias. Xa na viaxe en tren: a familia miñota coa que partillei compartimento ata París; o camareiro parisino que me trouxo un café Olé! con rexouba; o variopinto mundo do expreso París-Varsovia. O paso pola RDA, onde gardas malencarados pedían o pasaporte; os cans que vin pola fiestra do vagón que procuraban debaixo do tren se había fuxitivos. O barrio berlinés de Kreuzberg onde vivín, cheo de inmigrantes turcos, punkies e toda sorte de tribos urbanas ao longo do muro, no que atopamos un oco un vasco de Rentería e máis eu para debuxar un graffiti. Houbo tamén unha fin de semana nas montañas en Lienz (Tirol). Todo aquilo, ollado hoxe en perspectiva, marcoume. Entroume o anceio de ver mundo.

Cando voltei a Ourense, o meu pai recolleume aliviado. Seica pensaba que eu ficaría por eses mundos. Meses despois facía un Erasmus na Universidade de Dijon, Borgoña: un dos primeiros da USC. No setembro do ano seguinte estaba a comezar o meu doutoramento en Florencia, cunha bolsa. Sen aquel verán de 1988, a miña vida tería sido diferente. Ourense sempre estivo no retrovisor. Familia, o momento de cargar as baterías… e volver a saír.

D. Vázquez

«Na miña axenda tiña compromisos en Bos Aires, Rusia, Valparaíso e tamén Múnich»

Calor no val da Amaía. A incertidume, as mascarillas... Na miña axenda figuraban compromisos en Bos Aires, Valparaíso, Rusia, e tamén Múnich, cidade onde me desempeñei como profesor universitario. Todos están, polo momento, cancelados. A miña filla Sara fai a selectividade. Nalgún intre iremos a Alemaña, se se pode, pois cómpre visitar familia alí -os meus sogros en Hannover- e xestionar a matrícula de Sara nunha universidade daquel país. As habituais vacacións en Portugal quedan en suspenso. Se viaxaremos ao norte en coche ou en avión é aínda incerto. E mentres tanto, Ourense queda sempre nas miñas lembranzas: boa parte dos meus repousan no cemiterio de San Francisco, e visitámolos de cando en vez. Como escribiría Celso Emilio Ferreiro, o virus roubounos o noso presente.