Noa Presas: «Ourense ten futuro, pero non cos gobernos do PP como se pode ver»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ DATA / AGENCIA DATA / AGENCIA

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias

A nacionalista cre que hai partido e que os cidadáns «queren unha alternativa»

08 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2016 chegaba ao Parlamento galego unha moza que defendía a necesidade de darlle unha volta ao país e que se marcaba como obxectivo, entre outros, non ver como a xente da súa xeración -e das máis novas- tiña que emigrar para poder ter un futuro digno. O mesmo que se lles negaba na súa terra. Catro anos despois Noa Presas é unha das deputadas con máis presenza na Cámara da rúa do Hórreo e o seu traballo e implicación son recoñecidos dende as formacións políticas con representación en Compostela. No 2020, como no 2016, non perde o sorriso nin aforra en reflexións áxiles e traballo arreo.

-Como valora a experiencia en Compostela?

-Intensa e moi gratificante. Creo que fixemos un traballo sempre en positivo e conseguimos, a pesares de non ter unha grande representación, introducir no debate parlamentar os grandes temas que lle interesan a Ourense e os problemas que lle preocupan aos cidadáns. Creo que ese traballo do grupo parlamentar está sendo valorado pola base social e polo electorado.

-Que radiografía fai da provincia?

-Ourense está nun punto de non retorno e hai cuestións nas que ou intervimos agora ou xa é demasiado tarde. Por exemplo no abandono do rural: das 200.000 hectáreas de superficie agraria que temos na provincia a metade está en desuso, a monte. E iso logo xera grandes problemas de incendios. Cuestións como esta, entre outras, non poden agardar máis por unha solución.

-Os mozos seguiron a emigrar. Hai posibilidade de mudar isto?

-Si, sempre e cando haxa un goberno comprometido con facelo. Vimos como nestes catro anos o Campus de Ourense foi esmorecendo -en ofertas de titulación e en estratexias de captación de investigación-, vimos tamén como a investigación era algo polo que Núñez Feijoo non apostaba -investindo agora menos que hai dez anos- e esta crise nos demostrou que son o piar dunha sociedade rica nun contexto globalizado. E nós apostamos por potenciar esas liñas e non por soterralas. Outro exemplo é o termalismo, que só se enfoca ao turismo, desbotando os tratamentos no Sergas ou o uso industrial ou cosmético, entre outros. Hai oportunidades para que a provincia recupere pulso, poboación e moitas das persoas que no seu día marcharon podan retornar. Ourense ten futuro, pero non cos gobernos do PP como se pode ver e como amosa a experiencia do que estamos a vivir dende hai moitos anos.

-Cales son as prioridades do BNG para Ourense?

-Unha reindustrialización que xere emprego e riqueza, xunto con outros aspectos xa comentados do medio rural e outros sectores. O que necesitamos, para o futuro de Galiza e de Ourense, é un goberno que exerza como tal e se faga valer nas negociacións importantes que se van abrir, en termos de fondos económicos, tanto dende Madrid como dende Bruxelas.

-Vese como segunda forza?

-Hai partido e vai ser o BNG quen lidere o goberno de futuro.

-Haberá cambio?

-A enquisa é a do día 12 e os cidadáns estannos a transmitir que queren unha alternativa.