O Arousa pon o Ourense CF na súa mira a dúas semanas do día D

Completado o mes de readaptación e posta a punto física, o equipo de Rafa Sáez empezou a preparación específica da semifinal


Haberá quen pense que a conta atrás cara á primeira participación do Arousa nunha promoción a Segunda División B en 27 anos comezou o luns 8 de xuño, cando os integrantes do corpo técnico e os futbolistas do primeiro equipo arlequinado se reencontraban no céspede sintético do Campo Municipal Manuel Jiménez para o seu primeiro adestramento xuntos, daquela inda non revoltos, 87 días despois da súa separación forzosa pola pandemia do covid-19. Mais os tempos manexados polo adestrador arlequinado, Rafa Sáez, e mais polo seu grupo de colaboradores sitúan o inicio da conta atrás para a semifinal da fase de ascenso exprés na sesión de traballo deste pasado luns.

Foi este o día no que o Arousa montou a súa mira e a enfocou directamente sobre a figura do Ourense C.F. O seu primeiro obstáculo cara o reto de dar, tamén 27 anos despois, o salto de regreso á categoría de bronce do balompé español na que tan pouco tempo leva pasado nos seus a piques de cumprir 75 anos de historia.

Xa adiantara no seu día Rafa Sáez que non sería ata a falta de dúas semanas que o seu equipo comezaría a preparación específica do que, todo o mundo confía na casa arlequinada, sexa o primeiro dos dous partidos en Balaídos en cuestión de sete días. A semifinal do domingo 19 e a final pola nova franquicia galega na Segunda B 2020/21, o sábado 25 de xullo, Día de Galicia.

Nesta carreira de fondo sen descansos en forma de volta á competición o Arousa vén de reincorporar o vídeo como ferramenta de traballo. Un elemento que pasa a formar parte do día a día do cadro vilagarcián a modo de prólogo de cada unha das súas sesións de adestramento de aquí ao día D, no que se verá as caras co Ourense C.F. Un rival ben coñecido ata o parón obrigado polo estado de alarma sanitaria, pero ao que convén volver tomarlle as medidas e recoñecerlle as costuras tirando de material documental que, explica Rafa Sáez, será aplicado no traballo posterior sobre o campo.

O técnico do Arousa apunta que a disponibilidade dunha semana máis do habitual para a preparación do encontro non cambia en nada a posta a punto do equipo.

Xa hai hora do partido: 19.30

Desde última hora da tarde de onte os integrantes do Arousa xa coñecen a hora dos tres partidos da fase de ascenso exprés do grupo galego da Terceira. Os tres disputaránse a partir das 19.30 horas en Balaídos. Así o confirmou onte nun documento o Departamento de Competiciones y Fútbol No Profesional da Real Federación Española de Fútbol.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa pon o Ourense CF na súa mira a dúas semanas do día D