Haberá Miteu 2020 e non contará con axuda do Concello

A Mostra desenvolverase en Ourense entre o 3 e o 15 de xullo


ourense / la voz ourense / la voz

O estado de alarma pola pandemia do coronavirus levouse por diante a Miteu (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense). A cita chega todos os anos coa primavera e cadraba en pleno confinamento. Unha circunstancia ademais que afectou á cerna do propio proxecto ao provocar a parálise ou adiamento das montaxes que se estaban a preparar nalgunhas das universidades. Aspecto este que, aínda que incide no panorama da oferta no sector, non afecta á programación da Miteu ao ser abondoso o abano de propostas para a programación.

Co aprazamento xa confirmado faltaba saber que datas ían cadrar mellor para celebrar a Miteu 2020. E segundo se anunciou este luns dende a organización do certame escénico da cidade serán do 3 ao 15 de xullo. Será unha Miteu diferente por dúas circunstancias: polo seu carácter estival e por non contar co apoio do Concello de Ourense.

Segundo a organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense o retraso en informar sobre as previsións de celebración do festival estivo motivado «porque estabamos á espera definitiva -do Concello-, que chegou o pasado luns». Con ese escenario, a Miteu celebrarase do 3 ao 15 de xullo «grazas ao apoio da Universidade de Vigo, da Deputación Provincial de Ourense (Teatro Principal) e da Xunta de Galicia. Será máis pequena, pero terá a esencia desde evento que leva na cidade de Ourense 25 anos, polo que pasaron centos de grupos de preto de 50 países dos 5 continentes, miles de participantes e centos de miles de espectadores».

Sen apoio do Concello

A Miteu 2020 non contará con apoio do Concello de Ourense. A organización solicitou da administración local unha axuda de 3.000 euros, mais non conseguiron que se mantivese a colaboración institucional na mostra. «O Concello de Ourense desmarcouse sen xustificación de ningún tipo e non teremos o seu apoio. Solicitamos axuda para os gastos de comida e de durmida, polo tanto apoio á hostalería que tanto o necesita e unha pequena axuda para o espectáculo de rúa inaugural. Desmarcáronse sen xustificación de todo o que fumos propoñendo», sinala Fernando Dacosta.

Dende a organización da Miteu faise unha reafirmación a prol do proxecto e da cultura, lembrando que ao redor de 1.000 alumnos e alumnas da Aula de Ourense levan pasado pola mostra, ademais de acoller o certame en todos estes anos a milleiros de participantes de toda a península, centos de miles de espectadores, desenvolvido proxectos con oenegés, tratando temas como a migración, a igualdade, as propostas antifascistas e outras moitas propostas. Iso, xunto cos premios que ten acadado a Miteu, leva á organización da mostra a afirmar que «todo iso desprezan o señor alcalde de Ourense e o señor concelleiro de Cultura».

Gonzalo Pérez Jácome asegurou onte en roda de prensa que a mostra organizábase en réxime de «monopolio». O seu goberno chegou a conclusión de que a inversión podía derivarse a outras apostas con «más repercusión», dixo o alcalde, que puxo como exemplo a celebración da noite das meigas en outubro do ano pasado, cun custe de entre 8.000 e 10.000 euros: «Tuvo mucho más fuerza eso que la Miteu».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Haberá Miteu 2020 e non contará con axuda do Concello