Institucións, bibliotecas, concellos e colexios non perderon a oportunidade de celebrar o Día do Libro

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

CEIP Celanova

A Xunta remitiu 4.000 libros aos catorce hospitais públicos de Galicia

24 abr 2020 . Actualizado a las 10:41 h.

A presenza de COVID-19 provocou a suspensión de todas as actividades vencelladas co Día do Libro que levasen consigo a presenza física. Mais entidades, institucións, bibliotecas, concellos, colexios e outros colectivos non quixeron que o 23 de abril do 2020 pasase á historia como aquel no que non se festexou a data. A Biblioteca Pública de Ourense colgou nas redes sociais imaxes dos «libros confinados» na casa dos lectores -ata que non remate o estado de alarma non se poderán devolver-, recomendou títulos de autores ourensáns e homenaxeou aos creadores, entre outras iniciativas. Na de Ribadavia colgaron fotos dos usuarios coas obras que están a ler e durante todo o día estiveron reproducindo os vídeos remitidos por diferentes persoas -de Anxo Moure a Roberto Pascual, entre outros-.

O Museo Arqueolóxico deu a coñecer ao gañador do concurso de microrrelatos, que resultou ser Manolo Martí Figueiras, coa súa obra Pedras. Dende a Xunta se remitiron 4.000 libros aos 14 hospitais públicos de Galicia.

O Concello de Barbadás aproveitou a data para agasallar con libros aos clientes do comercio local e en Parada de Sil os cativos foron os destinatarios dos volumes que lle foron remitidos dende o Concello polos membros de Protección Civil.

No colexio Curros Enríquez, de Celanova, elaboraron un vídeo conmemorativo e no Saco e Arce, de Toén, promoveron dende a súa biblioteca unha xornada virtual na que se contou coa participación de moitos creadores -de Pepe Carreiro a Sabela Gago-. Nos Maristas dedicaron toda a semana a celebrar a data.

En Viana do Bolo lembraron o día animando a aproveitar os contidos da plataforma Galiciale. No caso da libraría Punto e Coma houbo unha contada de Uxía Morán.

En Allariz, o Concello comunicou a posta en marcha do servicio de préstamo a domicilio da biblioteca municipal. Os exemplares pódense solicitar por teléfono de luns a vernres e por correo electrónico. O reparto farano os membros de Protección Civil.