Antía Alberte: A ribeirense que lle dá visibilidade ás mulleres a través dunha baralla 

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Vibradores, copas menstruais, follas de afeitar e pizzas son os paus dos seus naipes

18 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai catro anos, cando estaba atravesando un proceso depresivo, Antía Alberte Maneiro (Palmeira, 1994) creou La Chica de la Pisa, un personaxe de cómic no que se reflicte ela mesma, ao tempo que busca darlle visibilidade a atrancos e estigmas que teñen que superar as mulleres no seu día a día. Esa rapaza ficticia, valente e loitadora, foi o punto de partida dunha baralla de cartas feminista, naipes nos que as espadas se converten en follas de afeitar, os ouros en pizzas e os bastos en vibradores, ao tempo que as copas menstruais adecúan a súa función para pasar a ser elementos de xogo. A iniciativa, aparentemente lúdica, ten un fondo carácter reivindicativo.

Concienciar e contribuír dalgún xeito a cambiar o mundo formaron parte desde sempre do ideario desta ribeirense: «Lembro que con 17 anos xa lle dixen a miña nai que quería ser útil para a humanidade». E por iso dirixiu os seus pasos cara ao medio ambiente, rama na que se formou en Ourense: «Quería concienciar a xente sobre o uso sostible dos recursos». Ao grao de Ciencias Ambientais engadiulle despois estudos na escola de arte ourensá, e fusionando esas dúas facetas creou La Chica de la Pisa, unha denominación que fai referencia a unha etapa persoal un tanto escura, na que a pizza constituíu un refuxio para Antía Alberte. Con este personaxe aspiraba a concienciar á cidadanía en temas de medio ambiente, pero tamén quería denunciar situacións que cría inxustas para as mulleres e o prexuízo que existe sobre o galego.

Cando La Chica de la Pisa era xa unha compañeira inseparable de Antía Alberte para a creación de pequenos textos ilustrados, á ribeirense ocorréuselle a idea da baralla: «Estaba traballando no parque natural do Xurés, cunha asociación relacionada coa conservación do medio ambiente. Estaba empregando a copa menstrual e xusto entrei nun bar e vin a uns paisanos botando unha partida, cun as de copas na man. Aí xurdiu a idea».

Primeiro, 150 exemplares

A comezos do 2018, a ribeirense puxo en circulación a primeira edición dos seus naipes personalizados. Primeiro foron 50 barallas, para o círculo máis próximo. Despois, 80 máis. E ao final sumou un total de 150. Como a demanda medraba, embarcouse nunha segunda edición, xa mellorada. Perfeccionou o reverso das cartas e recorreu a unha imprenta especializada en xogos de mesa para lanzar ao mercado 500 barallas. Contou coa colaboración da editorial Punto e Coma, de Allariz, na que estivera realizando as prácticas ao rematar os estudos de ilustración.

Antía Alberte atopou nos naipes unha canle de expresión, un xeito de sentirse útil: «Busco concienciar sobre aspectos que seguen a ser violentos cara ao xénero feminino e tamén darlle visibilidade a cuestións propias das mulleres, que están aí pero das que semella que non se pode falar, porque se seguen a ver como raras». Xa leva vendidas un cento de barallas desta segunda edición, e iso que o coronavirus freou en seco o proceso de divulgación deste produto a través de presentacións: «Tiña previsto un acto en Ribeira, unha idea que vou retomar en canto remate todo isto».

Mentres, aproveita o confinamento en Palmeira para darlle un empurrón a varios proxectos que ten enriba da mesa. O máis ambicioso, converter La Chica de la Pisa en protagonista dun cómic: «Ata estiven debuxando ideas do que podería facer ela durante unha corentena». Tamén alimenta unha canle de YouTube con temas que xa a identifican: «Analizo cuestións relacionadas coa muller ou coa xestión dos residuos, sempre cun toque de humor, co fin de normalizar diferentes temas».

A baralla. Está formada por 50 cartas, pois ás 48 tradicionais súmanselle dous comodíns.

Curiosidade. Por casualidade, Antía Alberte situou os números no lado dereito, polo que converteu a súa baralla en específica para zurdos.