Prioridades e perspectivas

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OURENSE CIUDAD

Álvaro Ballesteros

13 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A verdade é que coincidiu así. Tiñamos plans para vir estes días a Ourense, pois era a miña semana de vacacións na universidade, e Xan, o meu marido, tiña unha feira de arte en Londres. Cando o martes chegamos ao aeroporto de Newark, o meu amigo da TAP e máis eu achegámonos para abrazarnos, pois xa había tempo que non nos viamos; pero de súpeto decidimos non facelo. Na porta de embarque coincidimos de novo, e coma sempre comezamos a falar da vida e do que significa ter 75 anos e traballar no que máis che gusta, que no seu caso (coma no meu) implica contacto diario coa xente. O Xan preguntoulle se volvería a Portugal cando se xubilase, e el, sorrindo, dixo: «cando me xubile morro, pois a min páganme por facer o que me gusta, e se non o podo facer, pois non sei...».

Levo collendo ese voo 16 anos. A liña Manhattan-Ourense sae de Newark ás 23,00 horas e fai que poida estar coa miña nai ás once da mañá do día seguinte, pois chega a Oporto (o aeroporto internacional de Ourense) ás 8,00 horas. A piques de pechar a porta do avión para saír, o meu amigo entrou a despedirnos, e esta vez, sen dubidalo, abrazámonos coma sempre, sen pensar nos virus.

Cando tomamos a decisión de non mudar os plans de vir, sabiamos que por mor da corentena, probablemente non poderiamos cumprir cos compromisos profesionais á volta; pero tiñamos as prioridades claras. E o mércores, xa coa Maruxa ao lado, saíron as novas das restricións de viaxe entre Europa e os EUA, e así, á noitiña, sentados na lareira os tres, preocupados pola realidade que nos espera a nivel persoal e económico, a Maruxa, contenta, dixo: «teredes que quedar aquí unha tempada... aínda que nunca choveu que non escampara».