«Quero gañar diante da miña xente, nos 800 teño máis opcións»

«Nun gran estado de forma» busca en Ourense o seu primeiro título de campión de España absoluto


Pretiño do seu fogar quere celebrar Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998) o seu primeiro título nacional en categoría absoluta. Convertido nunha firme realidade do atletismo español tras o seu sexto posto no Mundial de Doha e apuntando aos Xogos Olímpicos de Tokio, o corredor mariñán do Barça busca no Nacional baixo teito de Ourense a primeira gran alegría da tempada para el e para os seus. Só Mariano García mellora a súa marca na proba de 800 metros da que este sábado corren as semifinais.

-Podemos dicir que xogará na casa?

-Seguro. É unha gran ilusión correr en Ourense porque estou en Galicia. A miña xente é moi importante para min, e moitos estarán na competición. Correr aí é un estímulo máis para ir a por todas. Estou seguro de que vou notar os seus ánimos desde a grada e de que iso me vai dar un puntiño máis. Moralmente pode ser moi importante.

-Finalmente decantouse por correr os 800 e non os 1.500. Por que?

-Que se suspendese o Mundial «indoor» de China fai aínda máis importante este Campionato de España. O meu adestrador permitiume escoller entre 800 ou 1.500, pero quero gañar diante da miña xente e nos 800 teño máis opcións. É unha proba que me gusta, na que me foi moi ben e quero seguir collendo experiencia, así que esta vez decidín así.

-Hai uns días en Gallur, tanto vostede como Mariano García baixaron de 1:47. É o seu gran rival polo ouro?

-Nun Campionato de España nunca hai favoritos. Sempre pode haber sorpresas porque o nivel é altísimo. As carreiras soen ser tácticas e tes que estar moi atento para colocarte ben.

-Prefire unha carreira rápida ou máis táctica?

-Dáme igual. Se queren ir rápido, estou preparado; se fan unha carreira máis táctica, tamén. Síntome moi ben.

-Parece que está nun gran momento de forma.

-Si, si. Estou nun gran estado de forma e o primeiro sorprendido son eu porque a pista cuberta case non a preparamos este ano. En Glasgow sentinme moi ben no 1.500, aínda que tiven unha pequena caída; e en Madrid fixen o récord galego de 800.

-Como lle afectou que se suspendera o Mundial de China?

-A verdade é que me dá pena porque vendo como estou agora ía chegar moi ben. Son cousas que pasan.

-A gran cita do ano é noutro país asiático...

-Si. Os Xogos Olímpicos de Tokio son algo que teño entre cella e cella desde hai moito tempo. Adestro coa ilusión de estar alí e facer un bo papel.

-No 1.500 ou no 800?

-O que quero é estar alí, en que proba sexa dáme igual. Son dúas distancias que me encantan, pero non son tan superior como para pensar que vou ir nunha si ou si.

«Faime ilusión bater récords, pero tamén virá alguén que supere os meus»

Pese a que, por idade, aínda pertence á categoría promesa, Adrián Ben vai dando grandes zancadas que o consolidan como un dos mellores atletas na historia de Galicia. Hai só uns días en Gallur bateu o récord galego de 800 en pista cuberta que o mítico Andrés Díaz tiña vixente dende 1995. Púxoo en 1:46.60.

-Que significou para vostede este último récord?

-Ao final os récords están para batelos. Nin moito menos penso que estea por encima do que foi Andrés Díaz. Estou seguro que esa marca foi un día ordinario para el, se o intentara aínda a tería baixado máis.

-Pouco a pouco, foi batendo un sinfín de marcas. Dende categoría xuvenil a absoluta xa ten case tódalas plusmarcas históricas galegas nas distancias que corre. Onde está o límite? Hai algunha que vexa imposible mellorar?

-Se por min fóra, bateríaas todas. Cantas máis mellor, está claro. Pero ao final é algo no que non reparo demasiado. Agora estame tocando a min conseguilo, faime ilusión, pero antes ou despois virá alguén que tamén supere os meus récords.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Quero gañar diante da miña xente, nos 800 teño máis opcións»