«Calquera pode facer rap»

Cristóbal Ramírez

OURENSE CIUDAD

Andrea e Elías Piñeiro, do colexio Divina Pastora de Ourense
Andrea e Elías Piñeiro, do colexio Divina Pastora de Ourense

Andrea e Elías Piñeiro son filla e pai, e premiados no concurso de Viaqua

05 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba o prazo. O vindeiro 8 é o derradeiro día para presentarse ao certame Galicia, Auga, Literatura e Rap, convocado por Prensa-Escuela coa colaboración de Viaqua. As bases completas están na web www.prensaescuela.es (botón Concursos). Os traballos poden presentarse, en galego ou en castelán, en calquera das delegacións de La Voz de Galicia ou por correo electrónico (prensa-escuela@lavoz.es).

O Divina Pastora, colexio de Ourense, gañou varios premios o curso pasado polo rap que presentaron un dos profesores do colexio, Elías, e unha alumna, Andrea. Un e outra comparten apelido, Piñeiro: son pai e filla, coa guitarra el, coa voz ela, unha rapaza algo tímida, encantadora, que di que na súa aula o profesor os informara do concurso: «E presenteime, fun a única». E dicíanche na clase que estabas tola? «Non, ninguén sabía nada, e cando gañei todos me felicitaron».

Pero a cousa ten máis historia, que conta o pai: «En realidade, hai dous anos xa viramos o concurso, e puxémonos a facer unha canción os dous na casa, pero ao final non nos presentamos. O curso pasado decidimos acabar aquela canción e presentala». E así foi. Procuraron un poema que tratase sobre a auga, e atoparon Río embaixo, río enriba, da ourensá Pura Vázquez, nunha antoloxía. «A partir de aí comezamos a rapear, que era a primeira vez que rapeabamos», aínda que de sempre lles gusta cantar e a Elías, tocar a guitarra.

 Andrea di que a experiencia foi «moi chula» porque o rap é «divertido», e ao preguntarlle se non hai identificación entre rap e contornas sociais pouco recomendables aclárao: «Non. Ou un pouco quizais si, pero pódese facer un rap normal coma nós». Seu pai insiste: «Calquera pode facer rap». E engade: «Si é verdade que non é o máis habitual nin o que nós adoitamos escoitar. Non son os ritmos máis melódicos, pero son orixinais».

Levoulles un mes, pero de traballo intenso, que na boca do profesor quere dicir: «Primeiro buscamos e seleccionamos o poema e a música. Logo gravámola: fomos ao río a gravar as tomas. E finalmente houbo que montar todo… É un proceso, non só a canción, e se queres que o vídeo teña un pouco de calidade e que sexa algo diferente hai que facer unas boas tomas». E conclúe: «Si, nun mes resólvese, porque tampouco é moi complicado. Eu animo á xente a que o faga».

Pai e filla non só tiveron os seus premios («e un proxector para o colexio») e acabaron vendo á cantante a Aitana na Coruña, senón que queren repetir, desta volta cunhas cantigas populares. A novidade é que terán dura competencia no Divina Pastora: outro estudante, que vai só, e unha parella.