«Preguntáronnos se nos gustaría cantar, e fixéronnos unha proba»

Cristóbal Ramírez

OURENSE CIUDAD

Os alumnos Alma Eugenia, Estela Penín, Candela Saco e Antón Lecompte, do colexio Concepción Arenal, de Ourense
Os alumnos Alma Eugenia, Estela Penín, Candela Saco e Antón Lecompte, do colexio Concepción Arenal, de Ourense

Candela, Alma, Estela e Antón relatan a súa experiencia na participación no concurso de literatura e rap de Viaqua, no que lograron un dos premios

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O colexio Concepción Arenal, no centro de Ourense, é un edificio con anos e cunha entrada clásica, doutros tempos. Cumpriría esperar algo tradicional, pero esta cooperativa de profesores desprende enerxía e ten unha actividade envexable. Para resumilo: non paran. Nese espírito formativo hai que encadrar a súa participación no concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap, de Prensa-Escuela coa colaboración de Viaqua. Unha participación que tivo premio, para alegría non só dos dous profesores que participaron, Samuel Saco e Rubén de Martín, senón tamén dos catro alumnos. Dúas son rapazas de orixe venezolana pero que acometeron con moitas ganas un poema ben galego de Pura Vázquez.

Seguen sorrindo e láianse unha e outra vez porque desta volta non poden presentarse: Samuel Saco é o profesor de Música, e está de baixa e aínda convalecente. Son Candela Saco, Alma Eugenia, Estela Penín e Antón Lecompte (encantado de acudir á cita que pretende prolongar para perder parte dunha clase). É el, Antón, quen arranca sen timidez ningunha: «De repente chegou o teacher -refírese a Rubén de Martín- e díxonos: “Vide comigo”, e lévanos á aula de Música e empeza a falar desta canción de rap».

 

 

UN MES DE TRABALLO

O alumno fala con desenvoltura. Pero axiña as súas compañeiras interveñen para puntualizar que non foi tan así, que de obriga nada, que se lles ofreceu participar e que aceptaron todos moi ledos. Estela matiza: «Preguntáronnos se queriamos participar, que se nos gustaría cantar, e fixéronnos unha proba». Unha proba de voz para ver como afinaban, e foron «superválidos», en verbas do seu profesor.

Logo houbo que traballar durante un mes, segundo explica Candela: «Leváronnos a unha sala e repartimos a canción para ver as partes: uns cantaban o retrouso, etcétera. E todo iso saíu mal». As risas son comúns e espontáneas. Mal? É que o diaño está nos detalles: borrouse o gravado, e tiveron que recomezar. Ao final cantaron a propia Candela e Antón, e as outras dúas fixeron o retrouso. Agarimosas queixas polo ruído nos corredores cando gravaban («E berraban os nenos», di Alma).

Todas coinciden, sen dubidalo nin un segundo, en que están contentas e que «saíu bastante ben». Antón aproveita para dicir que el toca a guitarra e a frauta, aínda que non no rap gañador.

En resumo, foi un traballo totalmente artesanal. O resultado: premio a alumnos dun colexio que cantaban «xa antes outras cousas» e que aseguran que lles gusta o pop.

Aínda hai tempo para presentarse 

Quedan dez días ata o 8 de febreiro, data límite para presentarse á sexta edición do concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap, que organiza o Programa Prensa-Escuela en colaboración con Viaqua. As bases íntegras atópanse na web www.prensaescuela.es (no botón superior, Concursos), e delas cómpre destacar que se trata dunha convocatoria aberta a nenos e mozos de entre 6 e 16 anos que residan en Galicia.

Este ano o concurso ten dúas fases. Esta que remata agora é a provincial, e logo virá a final. Antes dese día do mes que vén hai que presentar un vídeo, dun minuto de duración como moito, e dentro de todos os recibidos o xurado elixirá cinco por provincia, e deses sairán os gañadores deste curso.

Pero hai tamén premio para a categoría de Redes Sociais. Aquí, os dous vídeos máis votados pasarán directamente a esa fase final, que se prolongará ata o 30 de abril e que implicará presentar un novo vídeo, de novo de non máis de un minuto.