Jácome I de Ourense

Xosé M. Pacho DENDE A FIN DO MUNDO

OURENSE CIUDAD

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, na vida, temos a posibilidade de vivir momentos históricos. O segundo impeachment dun presidente norteamericano, as consecuencias dun cambio climático que había algúns parvos, pobres, que o negaban, porque efectivamente o cambio, ata o climático, nunca se ve. Cando vin o vídeo dun alcalde de Ourense en Fitur, decateime que estabamos presenciando un momento histórico. E en Ourense, non hai tantos momentos históricos.

Hai cen anos en Ourense publicouse a Revista Nós, e con eles un grupo de intelectuais pasaron a converterse na columna vertebral do país. Acontece que o noso país leva moito tempo en cadeira de rodas, sen lembrar que para avanzar cómpre moverse, e moverse a tempo. Para mostra, a Intermodal, un desastre de planeamento e un exemplo claro do que non pode ser unha infraestrutura pública, e do incompetentes que foron, e desafortunadamente seguen sendo, os xestores públicos. Pero non sexamos duros con Ourense, vendo a xestión do paridoiro de Verín, o accidente de Angrois ou a presidenta da comunidade de Madrid, podemos confirmar que isto é o espíritu dunha época.

Iso si, acontece que, cando un ten os ollos cegados pola luz, apenas ve. E cando o outro día vimos ao alcalde de Ourense nun vídeo en Fitur, apenas puidemos comprobar a magnitude da marabilla. Con todo, en Madrid, onde si teñen distancia, decatáronse do personaxe. E ficaron escandalizados. Pero non sexamos inxustos. Ourense non dá para moito, pero para algo dá: Jácome e Baltar. Ouro puro. Don Celidonio e o doutor Alveiros. Eses personaxes que alguén, agardemos que non tarde moito, inmortalizará nalgunha novela ou nalgunha obra de teatro. Como antes xa fixera Vicente Risco en O porco de pé. Porque Jácome é a política o que a resaca é para as borracheiras. Unha consecuencia necesaria.

Vendo o vídeo, falando de «Orense» dicindo chorradas con traxe e garavata, improvisando un discurso que é imposible improvisar de tan malo que é, púxose á altura do seu antagonista. Do que ata hai unhas eleccións era o seu rival. Un rapaz que manexa máis de 85 millóns de euros ao ano e consigue non facer nada, si acaso poñerse unha camiseta do Real Madrid, ou sacar unha foto con Alejandro Sanz. Ouro puro. Por que a ver, cantos de nós se tivésemos un orzamento tan alto conseguiríamos non facer nada? Moi poucos. Só os elixidos.

No centenario de Fellini, Ourense, a política, é continxente. Jácome e Baltar, son necesarios. Se cadra para espertar. Que malos teñen que ser os que estiveron antes, para que alguén pense que teñen futuro. Pero coidado, o reinado de Jácome I, poida que estea a comezar.