Quentar a auga de Doniños

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

OURENSE CIUDAD

15 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que non un sistema de tuberías de chapa fina, un quentador xigante, e quentar a auga da praia de Doniños? Podemos comezar por unha praia e despois seguir con outras a medida que os ingresos turísticos vaian a máis. As rúas, grazas ás terrazas, son lugares, máis que para andar, para ficar sentados e contemplar o mundo nun «dolce far niente». Para unha contemplación perfecta non se debe pasar frío. Mellora moito coas estufas de exterior. Quitaron os coches por seren contaminantes pero poñemos estufas que son, semella, incontaminadas. Postos logo a quentar para comodidade dos clientes nada mellor que quentar a auga de Doniños. ¡Que estimulo definitivo para o turismo! ¡Canto medrarían as visitas e os deportes náuticos... A pesca do tiburón tamén, por suposto! ¿Como quentar logo a auga? Boa pregunta. Teño visto que nas centrais nucleares, (enerxía limpa e recoñecida como segura) hai enormes cubas de refrixeración que soltan ríos de auga quentiña. Unha ou dúas centrais nucleares abondarían para quentar Doniños como as Burgas de Ourense. Un científico especializado en Fukushima fixo cálculos da auga quente despilfarrada. Quitou a conclusión de que mellor dúas centrais coordinadas, franqueando a entrada da ría como dous novos castelos. As estufas das terrazas poden ser implementadas con chemineas e filtros que boten gases aromáticos de baixa intensidade. Os pulmóns poden con todo. É un axioma científico dito por non sei quen: a contaminación non mata.