Ourense necesita unha estación intermodal

Ánxeles Cuña EN LIÑA

OURENSE CIUDAD

15 ene 2020 . Actualizado a las 07:39 h.

Dicía Gandhi: primeiro, ignórante; logo, búrlanse de ti; logo, desprézante; despois, atácante… e entón sabes que podes gañar. Pero ese proceso, o de que os soños liberadores non se afundan, só é posíbel cando é o o pobo quen exerce o dereito a soñar. Son palabras de O’Rivas. Soñemos que Ourense, a malversada, a esquecida, a que esperta en shock, vence.

Nos encontros da Plataforma por un Tren Digno que se integre plenamente coa cidade escoitamos as voces, todas da veciñanza: a súa desolación pola fraude, o desleixo, a decadencia, a parálise. Esperemos que impere a razón. Ás veces como unha viradeira, a razón xira co vento. Agradécese a información fundamentada do COAG, comprometido coa cidade, preocupado coa perda de oportunidade histórica de levar adiante un proxecto que axude á rexeneración urbanística da cidade. Escoiten a voz dos expertos! Esta estación non garante a permeabilidade, nin a intermodalidade, nin a sustentabilidade, nin a racionalidade no gasto. É unha porta aberta á especulación. Queremos manter a chama viva do dereito a unha boa estación intermodal. Señora Ethel Vázquez, escoite. Non sexa coma o muro da vergonza que pretenden erguer na Avenida de Marín. Ecoa a necesidade da congruencia. Fagan a mellor estación que se pode facer, pero sen falacias que escachen nos coios ao caer.

O primeiro paso, en cuestión de infraestruturas da nosa cidade, pasa por un posicionamento comprometido do concello. Difícil, pero non imposíbel, porque o nicho ecolóxico no que habita DO non é seu, é da cidadanía. A pesares do seu pacto diabólico co PP, para acadar a alcaldía, para que a súa incoherencia política se fixese palpábel, para que a avinza necesaria do alcalde espise a fraude que supuxo mesmo para o seu electorado. Con todo, o seu pacto, de venda da alma, non lle dá a categoría de Fausto. Cando alguén é terceira forza municipal, baseando a súa ascensión na crítica ao caciquismo, con quen aparentemente promete acabar, e ese personaxe segue perpetuado no poder grazas ao pacto nada decente, mantéñense nel, pensando que a xente é tan parva que está disposta a entregarse coma moscas na arañeira, está errado. Pasou o tempo da ignorancia, ten que pasar o tempo da burla, e demandamos o tempo do respecto. Alcalde vostede amosa desequilibrio de pensamentos, palabras e feitos. A xente esíxelle que cumpra coas súas responsabilidades, que se comprometa coa cidade. Esperamos a boa culminación do proxecto. Esperamos que o Goberno do Estado estea á altura, dende a perspectiva urbana sostible que anuncia o Ministerio de Transporte e Mobilidade.

Estamos convencidas de que ese despropósito, acrítico e delirante, será axiña combatido pola gran maioría da ourensanía intelixente e digna, como a estación que merece. No ano do centenario de Nós, que naceu tamén coma un soño nesta cidade onde a arte debera florecer e que quere espertar do seu pesadelo.

Saúde e tren digno!

Afouteza toda, Ourense!