«Non se pode concibir a obra de Eduardo sen ver que aí está Ourense»

Carlos Laíño expón no Marcos Valcárcel a súa colección de libros e materiais vencellados con Blanco Amor


ourense / la voz

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a mostra Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor. Un proxecto que é moito máis que unha exposición ao tratarse da expresión dunha amizade e admiración para coa figura e a memoria do escritor e xornalista ourensán. Nas paredes da sala do primeiro andar do Marcos Valcárcel dialogan dous grandes bloques temáticos que están vencellados a blancoamorianos de lei: os debuxos de Siro López e a colección que sobre o escritor foi artellando durante as últimas décadas Carlos Laíño Lorenzo (Vilardevós, 1952), admirador primeiro e amigo ata a morte despois.

-Cando coñeceu a Blanco Amor?

-En 1972. Daquela era estudante e escribía no xornal da Normal. Quedara impactado pola lectura de A Esmorga e quixen coñecer máis daquel autor. Logo da conferencia no Colexio de Avogados da Coruña achegueime a falar con el e quedamos ao día seguinte na cafetería do hotel.

-E aí comezou todo?

-Esa mañá falamos de literatura e de outras moitas cousas e dende aquela mantivemos encontros periódicos e correspondencia. Máis ben pouca, unha ducia de cartas ou algunha máis, porque sempre aproveitabamos para vernos ou falabamos por teléfono.

-Como soubo da morte naquel decembro de 1979?

-Veu a miña muller correndo a dicirmo cando estaba xogando un partido de fútbol. Estabamos en Cádiz, que foi o meu primeiro destino definitivo como mestre.

-Doce caixas, as da exposición, que son resumo dunha vida e dunha amizade. Por que decidiu recoller todo o material que se mostra agora en Ourense?

-Gardáballe os artigos que publicaba en La Voz de Galicia, porque viaxaba moito, e el mandábame os que asinaba en xornais ou publicacións de fóra. Tamén ía collendo todo o relacionado con el ou coa súa obra e logo fun mercando todos os seus libros ou materiais onde se falaba del ou dos seus traballos. Naquel primeiro encontro vin a un home solitario. Por que comecei a recoller materiais? Quería que notase que había xente que se preocupaba pola súa obra. Desconfiaba dos vellos, dicía que xa deran o seu veredicto, e sabía que o importante era chegar aos mozos.

-Ten dito que tivo mala sorte, ata para as Letras Galegas?

-Si. Tivo que competir co Xacobeo de 1993 e quedou moi marxinado. De todo o que se publicou no ano das Letras Galegas adicado a Blanco Amor pouco se salva, tres obras, e o que editou a Real Academia Galega no vale para nada. O da RAG e nada todo é o mesmo.

-É certo que se sentía pouco recoñecido?

-Blanco Amor non tivo sorte. A censura tratouno de forma brutal, e logo foi obxecto de marxinación por parte de quen tiña daquela unha posición recoñecida na cultura galega. Carballo Calero rexeitou o seu traballo, as liñas que lle dedica son pouco máis que unha anotación, e nunca lle deu consideración nin valor á súa obra. E tampouco tivo sorte á hora de espallar o seu legado.

-En que sentido?

-A Editorial Galaxia nin se portou nin se porta ben co seu traballo. Publícanse regularmente un par de obras -A Esmorga e Os biosbardos que son as que venden- e ao resto non lle dan o trato que se merecen. Un exemplo claro foi a reedición de La catedral y el niño, que en vez de facela sobre a última versión que deixou Blanco Amor colleron a de Losada de moitos anos antes. É algo inescusable.

-Que lle parece a comparanza co caso de Joyce e Dublín?

-Non se pode concibir a obra de Eduardo sen reparar en que aí está presente Ourense, que anda por todas as esquinas. Nos personaxes, nas historias... ata na musicalidade que hai nos seus textos. Cousa que curiosamente ninguén se detivo a estudar, agás Filgueira. Un día falando con Arturo Baltar explicoume de onde lle viña, de que fora neno de coro e os motetes que cantaba eran algo que o engaiolaba.

«Os cincocentos exemplares da miña biblioteca xa son dos ourensáns»

Conversar con Carlos Laíño é percorrer as conversas que tiveron xuntos, as reflexións e os principios do escritor e xornalista, as súas ilusións e proxectos ou as inquedanzas por superar algunhas eivas: «Foi xunto a Veiga Roel, ao que lle prologou un libro, porque o admiraba e el quería saber máis de fotografía e verificar si realmente era un bo fotógrafo ou tiña moito que aprender. E cando estiveron xuntos, que non é que fora a que lle dera clases nin nada, pasou todo o tempo preguntándolle cousas sobre cuestións técnicas». O que foi definido por Blanco Amor como o seu «arquiveiro» lembra a viaxe que fixeron o verán do 79 -os dous, xunto coa muller de Carlos e Ángel Chamarro- e matina na derradeira noite da vida do seu amigo e na peza musical que quixo escoitar. Sospeita que «el non estaba ben e algo presentía».

-Rematou a pescuda blancoamoriana?

-Os case cincocentos exemplares da miña biblioteca de Blanco Amor xa son dos ourensáns, que son os seus lexítimos donos. Quedei só coas cartas miñas e as de Ángel Chamarro e catro ou cinco fotos súas dedicadas. Os fondos xa foron doados á Fundación Eduardo Blanco Amor e agora mercarei algunhas obras para min.

-A fotografía é o que queda por recuperar e espallar?

-Non. Hai moito traballo por diante e quedan cousas para recuperar e reivindicar. É certo que a fotografía deberá ser estudada e valorada na súa xusta medida. Mais tamén está sen publicar a súa correspondencia, o seu traballo en campos como o da oratoria ou mesmo a edición da súa poesía en castelán. Só se fixo unha edición, non venal, por parte do Concello de Oleiros cando entregaron alí o premio que leva o seu nome.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Non se pode concibir a obra de Eduardo sen ver que aí está Ourense»