Xogar co medo


Nove meses de embarazo dan para moitas ilusións, moitos plans, moito imaxinar a cara do bebé. E dan tamén para moito medo. Cada revisión vai acompañada cunha parte de temor. Non porque necesariamente haxa ningún indicativo de que algo vai mal, senón porque, aínda que non haxa nada que o evidencie, todo pode ir mal. Sábeno todos aqueles futuros pais, avós, tíos... que pasan pola devastadora experiencia da morte perinatal. Pero volvamos ao de que todo vai ben. Cada revisión constata que a túa pequecha medra san, que lle gusta durmir coa man tapando os olliños, que está gordecha e que o seu corazón late forte. Todo vai moi ben. E ti prepáraste para dar a luz. E todo vai saír xenial, ¡como non! Pero tamén pode ir regular. Ou mal. E fálanche diso. De novo os medos. Porque ti non vas facer nada que non fixeran millóns de mulleres antes, pero non sempre sae todo perfecto. O que hai que estar é preparados para actuar. Se a cousa se complica, aí están os xinecólogos e o pediatra, para atenderte a ti e á pequecha. E se a cousa se complica moito máis, hai ambulancia medicalizada e unha incubadora preparada para o traslado a Ourense. E ti tes todos os medos, pero confías nos médicos que levan nove meses tratándote. Non hai motivo para desconfiar, nunca unha complicación que non se salvase. E de repente, oes como os xefes deses que te trataron, din que a calidade asistencial non estaba garantida. ¿Como se poden sentir as mulleres que pariron nos últimos tempos en Verín? ¿Había riscos dos que non as avisaron? ¿Xogaron coa saúde dela e do seu bebé? ¿Ou é que xogan co medo para xustificar os recortes?

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xogar co medo