Xestión?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE CIUDAD

09 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai dermatólogo no hospital do Barco porque disque non hai dermatólogos en xeral, e os poucos que hai non queren vir para aquí. Non hai cirurxiáns polo mesmo. E outro tanto pasa cos pediatras. E cos médicos de rehabilitación. E así con todos os especialistas, segundo o momento do ano. E, con ese argumento, desde a EOXI xustifican que cada vez haxa que ir máis e máis a Ourense para case calquera cousa, coma quen di. Agora, ata para mirar un lunar que medra un pouco de máis (e ante o aviso de que esas cousas hai que revisalas, aínda que non sexan nada), hai que facer 220 quilómetros. E seguro que é verdade que non hai médicos que queiran vir. Non o poño en dúbida. Seguro que os contratos son suficientemente atractivos, pero hai demasiada demanda e pouca oferta. Pero entón non hai que mirar á EOXI. Hai que mirar máis arriba. Non sei se ata o presidente da Xunta, que entendo que non pode estar a todo, pero para iso ten un conselleiro de Sanidade. ¿Dez anos que levan mandando en San Caetano e nunca ningún dos conselleiros tivo tempo de pararse a facer unha previsión dos médicos que se lle ían ir xubilando a, non sei, cinco ou dez anos vista, para ir pedindo prazas mir e preparando profesionais? Iso é xestión. E iso é o que se lle pide, ou se lle debería pedir, ao conselleiro. Porque claro que agora non hai médicos para vir a Valdeorras, pero iso había que pensalo hai tempo. Agora é moi fácil poñer a escusa de que non hai profesionais para ir recortando servizos. E así tamén poden negar que non aposten pola sanidade pública. Xa o de crelo... Cada un que comulgue coas rodas de muíño que queira. Eu é que son de pouco crer.