Parque termal no rañaceos xa!

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

08 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde da cidade semella unha licencia poética de Otero Pedrayo. Membro destacado da lexión dos renegados do angazo, gosta de gabarse de non falar galego -e como Paco Vázquez é un dos mellores castelán falantes en galego, por máis que ninguén llo explique- ao tempo que espalla nas redes sociais a súa faceta agropop sentimental, con imaxes na aldea entre as vides e os soutos familiares do seu pobo; na Ribeira Sacra ourensá. Entre a vendima e a castañeira que diría o de Trasalba.

Debeu ser nunha destas que pasou un bo refacho de vento, arrincou ourizos e castañas a eito no souto de Forcas e zas!, apareceu un rañaceos. E vai Jácome e ponnos de novo no mapa dos inventos do TBO e engade unha nova páxina de gloria ao seu currículo mediático. Ourense vai ter un rañaceos de 80 plantas e 300 metros de alto. Será o maior da península e dos primeiros de Europa. Un mundo no que van coller os traballadores da Xunta, servizos os que se queira e un corre-verás-con-sete-mazás-que-anda-para-adiante-e-camiña-para-atrás.

Aínda que da información sobre o tal non se infire que leve tales cousas propoño, modestamente, que se lle engada -ao xeito dun dos «MacGuffin» de Hitchcock- un parque acuático termal e saídas de emerxencia a base de ramplas. Deste xeito poderá facer unha trepia cos primeiros proxectos que non será quen de materializar nos seus anos de alcalde. A zona inundábel e a propiedade dos terreos van mandar o parque a onde está soterrado o «Ourense cara ao novo milenio» e as ramplas de Progreso ao Auditorio dáme que as vai papar Patrimonio. No 2020 xa haberá tres penitentes máis na procesión da Santa Compaña.