Do Musgo ao abuso hostaleiro

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces que as evidencias resultan tan contundentes que de pouco valen os razoamentos máis revirados e os recursos baldeiros de certos posicionamentos políticos. Uns cantos espazos públicos da cidade hai tempo que pasaron a ser superficies para negocios hostaleiros e recunchos nos que os veciños xa non poden vivir a maior parte da semana polos abusos que se lle consenten aos empresarios do sector. A responsabilidade non é doutros que non sexan os políticos que gobernan no Concello de Ourense. Todos, os que teñen agora a encomenda de gobernar e os que a tiveron durante os mandatos anteriores e miraron para outro lado.

E mira ti por onde vai e unha nova proposta cultural -un festival de música celebrado no casco histórico co pretexto dunha axuda do Xacobeo e do Camiño a un burato de Compostela no que non se sabe quen, ou que, está soterrado- deixa en evidencia aos representantes cidadáns. O pasado sábado celebrouse o Musgo, que así se chama o festival, e logo de encher de actividades todo o día o casco histórico e de organizar unha sesión de concertos dende primeira hora da tarde á madrugada vai e botan o pecho cando poderían facer o que os hostaleiros referidos e seguir durante unhas cantas horas máis. E deixaron a praza Saco e Arce para trasladar o seu remate de festa a un recinto pechado.

O Musgo non foi máis que a constatación da falta de responsabilidade e de compromiso dos políticos do Concello de Ourense cos veciños aos que din representar. Se unhas persoas que organizan un festival poden facelo como son incapaces de cumprir coa súa obriga os que mandan na cidade?