Gobernar odiando

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE CIUDAD

13 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo que nunca o pensou en serio o de gobernar, porque de ser así nunca debía facer o que fixo o outro día, verbalizar o que ten no maxín. Facer burla duns veciños que estaban fronte a el. Xa fai tempo que me preocupa tanto o gobernante como o séquito. Neste caso, a corte non é mellor que o déspota tutelado.

A raíz do pregón das festas de San Francisco, tivemos varios debates á hora do xantar. O discurso dialéctico de Karl Popper e o paradoxo da tolerancia infinita, «se toleramos aos intolerantes, estes acabarán asumindo o poder e extirparán ao diferente» cos pratos de menú do día, foi estimulante a conversa para toda a mesa entre fabas e lentellas.

Coido que nesa dramática situación se atopan as veciñas e veciños de Ourense; teñen a un soberano que vai azougar a uns e outros conforme o seu estado de ánimo. Se desta vez foron os perseguidos polo uso da lingua, que xa están en minoría, como así di a última enquisa do IGE, fai uns días foron o persoal funcionario e antes a policía local.

Se o de gobernar o queren tomar en serio, ate hai cursos en plataformas abertas; para comezar sinalo: «Democracia e decisións públicas. Introdución á análise de políticas públicas» da Universitat Autónoma de Barcelona. Xa chegando á terceira lección aparece o termo »trade off». Gobernar implica ir primando uns intereses e valores sobre outros, partindo do principio de que non se pode satisfacer a todos a vez. Sempre teremos gañadores e perdedores. Pero é nos valores e na ética do gobernador onde se inclina a balanza cara uns ou cara outros. Polo que se sinte nestes días, nin o tutelado nin a corte, teñen unha virtude humanística, senón que desprezan aos que pensan distinto.

Imos a argallar un contrapeso a este soberano espido. É unha tarefa que ten que ser colectiva, non podemos deixar nin un oco para que o discurso do odio ocupe o espazo público da cidade de Ourense.