Unha festa sen música en Chapa

daniel gonzález alén LALÍN

OURENSE CIUDAD

Daniel González Alén

A igrexa da localidade silledense é un pequeno museo de arte sacra e que merece a pena visitar

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A música xa non soa nas festas que Chapa dedica por estas datas ao seu patrón San Cibrao na igrexa parroquial, nin nas do San Brais e a Candeloria a primeiros de febreiro na fermosa capela que o santo milagreiro ten onda a Fonte da Virxe, a orelas do regato local. A parroquia tivo a pasada fin de semana dúas xornadas de festa, o sábado a do patrón que saíu en procesión logo da misa solemne que oficiou o párroco Xosé Pérez a e a do domingo o Corpus Christi, que tamén tivo bendición e procesión polo adro alfombrado de espadanas e flores, e logo o xantar das casas pero sen pasarúas, concertos e verbenas doutros tempos.

A parroquia nunha encrucillada das importantes estradas de Ourense a Santiago e a que arrinca cara a Estrada e Carril-Vilagarcía, que foron antigos camiños reais, do wolframio, da madeira da comarca e os coiros para o porto de Carril e a cidade de Compostela, chegou a ser capital e dar nome ao actual Concello de Silleda a mediados do século XVIII. Daquela pasaba dos 300 habitantes que agora son a metade, e viven nos seis lugares que compoñen a parroquia, os máis deles das pensións, da gandería e dalgúns negocios da hostalería nesta encrucillada de camiños, que agora atravesa tamén a autoestrada AP- 53.

A pe dun regato afluente do Toxa, preto do lugar de Penido que atravesa o camiño de peregrinación a Compostela, estivo a antiga igrexa e un albergue- hospital de peregrinos dedicado a Nosa Señora da Consolación. Do hospital nada queda logo de que se reutilizaran as pedras noutras construcións da parroquia e da imaxe ninguén sabe dar razón, agochada ou vendida desapareceu hai anos. A igrexa que debeu ser románica, foi trasladada e refeita no barroco do século XVII a pe do castro local, aproveitando a fábrica da anterior e posteriormente, hai uns cen anos, ampliada e reformada primando o funcional, sen concesións artísticas ou ornamentais.

o interior deste novo templo gárdanse varias pezas de grande interese procedentes da antiga igrexa e dun cruceiro que había no adro. Destaca unha imaxe pétrea da Santísima Trinidad do século XIII, que se atopa nun oco dun dos muros laterais, que xunto co fuste cunha imaxe de San Francisco forma agora parte do altar principal, que se di formaban parte do ao cruceiro existente no adro. Desta fermosa imaxe que puido ser orixinariamente do tímpano da igrexa primitiva, hai dúas réplicas máis recentes, unha delas saída do taller do célebre escultor santiagués Francisco A. Rodeiro Permuy a primeiros do século XIX.

De entre as imaxes que están no altar principal, varias delas enriba de columnas que puideron pertencer a cuberta do cruceiro referido, destaca a da Virxe do Rosario do século XVI, a do San Bieito de finais do XVIII, a do patrón San Cibrao de mediados do XIX, e a do Santo Antón, a do San Roque a da Inmaculada que completan o santoral desta igrexa.

Nun oco atopase a pía bautismal traída do antigo templo románico

Nun oco construído ao efecto atopase a pía bautismal traída da antiga igrexa románica. A pé dela colocouse unha interesante lauda sepulcral que estaba no presbiterio que a tradición sinala pertence a tomba dun crego que tivo a parroquia en tempos remotos. A lápida que pode ser datada no século XVI, presenta a figura dun clérigo xacente cun cáliz entre as mans e ten gravado un escudo de armas na parte inferior no que malia o desgaste, poden ollarse con claridade as armas pertencentes ao Mosteiro de Oseira na parte inferior, o que pon de manifesto o vencello desta parroquia co celebre cenobio ourensán.

Completan as interesantes pezas que se poden ollar nesta igrexa silledense, unha espléndida cruz procesional de mediados do século XVI que só sae en procesión pola festa do patrón e gardan con celo os veciños desta parroquia, da que tamén teriamos que mencionar algo do seu desaparecido castelo-fortaleza, das posesións que aquí tiveron os mosteiros tanto de Carboeiro como de Aciveiro ou da ponte medieval sobre o río Toxa.

Hitos históricos

Tampouco podemos esquecernos se falamos de Chapa, dos episodios da Guerra da Independencia, da casa señorial de Colmeiro na que agora aniñan cegoñas e curuxas, da sobreira de Goriño, da fabrica de corchos da familia do famoso guerrilleiro galego Manuel Esperante O Corcheiro ou do pintor Manuel Colmeiro, que tivo aquí o seu berce e outras historias que coa colaboración que nos ven prestando o ex-párroco, Xosé Espiño Arceo, que nestas datas se repón dun problema de saúde, temos tratado nalgures e habemos ver de ampliar mais adiante.