Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar: «Hai que facer o cotián e ter ambición»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Íñigo Rolán

Menor está inmerso en resolver o día a día e en desenvolver novos proxectos. Di que non se arrepinte do paso que deu

19 sep 2019 . Actualizado a las 16:20 h.

Luís Menor Pérez (Calvelle, Pereiro de Aguiar, 54 anos) asegura que non dubida «nin un segundo» de que acertou coa decisión de presentarse ás eleccións para ser alcalde do Pereiro de Aguiar polo PP. Podíase pensar que arriscaba, pois viña de ocupar un alto cargo na Administración autonómica -foi director xeral de Emerxencias e Interior- aínda que tiña o seu posto fixo como letrado da administración de xustiza. Acode a entrevista cun exemplar do seu programa electoral, que toma como guía para falar dos proxectos que quere desenvolver a curto e medio prazo, ao tempo que se ocupa do día a día no Concello. A cita é no encoro de Cachamuíña, escenario dalgúns deses proxectos que Menor se detén a explicar.

-Que quere ter en Cachamuíña?

-Pretendemos mellorar o entorno. Aquí veñen moitas familias, hai un aparcamento na cabeza do embalse e nesa zona queremos facer un parque infantil. Tamén queremos facer un parque de uso deportivo e, probablemente, doutro lado do embalse, facer unha zona apta para mascotas. O paso seguinte ou coetáneo é ese enorme bosque de 220 hectáreas que é dos comuneiros da Chaira. A xente espontaneamente fai a unión embalse-monte polas pistas forestais. O que queremos é estabilizar esa relación, formalmente, con sinalización e fontes. Estamos en conversas coa xunta directiva e é unha medida factible. Poderían convivir tres actividades: a pedestre, a bicicleta e a acuática, tendo en conta as limitacións por ser este un encoro de abastecemento.

-Eran descoñecidos estes recursos ou estaban sen explotar?

-A pesares da súa proximidade con Ourense, hai cousas de Pereiro que son descoñecidas. A relación coa cidade é moi estreita. Vén xente a traballar ao parque empresarial, nós imos alí, os de Ourense a facer deporte, nós a comprar. Co Concello da cidade xa falamos para unir este elemento co Ourense Termal cun sendeiro por Lonia e Mende.

-No parque acuático de Monterrei, haberá conflito co que quere o Concello de Ourense?

-O que se vai facer en Monterrei é un parque acuático tradicional. Podemos empezar xa. Temos o terreo, a cualificación urbanística e infraestruturas. É compatible co de Ourense, que sería un parque acuático termal, que é algo orixinal. Non hai punto de fricción.

-As primeiras conversas con Ourense foron para falar de transporte. Que prazo se marcan en Pereiro para ter unha solución?

-Apostamos polo transporte metropolitano; se non houbese movemento, iríamos a opción de transporte municipal. Pero parece que agora hai unha clara vontade. Para Pereiro é vital, se tivese un transporte público con Ourense, penso que de 500 a 1000 persoas quedarían a vivir; moita xente ten aquí segunda residencia e a farían primeira. Aportaremos o que nos toque. No transporte interurbano que adxudicará a Xunta, haberá pronto unha mellora de liñas e de frecuencias.

-Urbanisticamente, Pereiro está preparado para medrar?

-Temos unha ferramenta fundamental, que é o plan de urbanismo que supón unha grande seguridade xurídica. Vén de fins dos anos noventa, colleu o bum da construción, fixéronse tres urbanizacións nas que viven 1.500 persoas. Ese plan está en vigor e é flexible e amplo para absorber a nova construción con seguridade xurídica. A ampliación do parque empresarial suporá desenvolver un plan parcial. Agora o parque ten esgotado case o seu chan a venta. Á Xunta tamén lle plantexamos a necesidade de construír un edificio multiusos para albergara as dependencias municipais que están espalladas e para darlle servizo aos empresarios.

-Coas infraestruturas viarias que ten Pereiro agora, pensa que están ben comunicados?

-A estrada entre o complexo de Monterrei co Auditorio de Ourense é vital. Conéctanos coa cidade. Ten centos de usuarios a diario pois son apenas cinco quilómetros. Hai necesidades de mellorar as travesías da Derrasa e da «Zamorana», e hai que actualizar as travesías de Melias e Vilariño (antiga N-120).

-Desde que goberna, que lle ocupa máis: eses proxectos de futuro ou o día a día?

-A partes iguais. Oír aos veciños e atender a súas necesidades inmediatas é prioritario: o punto de luz ou o banco que se estraga. A xente achégase con moita comprensión. Xunto con iso temos que ter ambición e visión estratéxica para ir máis alá. Hai que facer o cotián sen renunciar á transformación do concello cos grandes proxectos.

Menor incide en que apostan polo deporte, apoiando a escolas e a clubs, e por servizos sociais «potentes», como o de conciliación, gratuíto e con 70 prazas. As actividades a prol da igualdade, a apertura dun CIM son outras iniciativas que menciona Menor. En canto á seguridade cidadá, mantivo reunións cos responsables da Garda Civil para non baixar a vixilancia nas urbanizacións que sufriron roubos.