O Sergas inicia en Ourense unha campaña de boas prácticas para os seus profesionais

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

cedida

Terán en conta, entre outros aspectos, a hixiene de mans ou o uso racional de antibióticos

17 sep 2019 . Actualizado a las 20:29 h.

Coincidindo co Día Mundial da Seguridade do Paciente, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras presentou aos seus profesionais a campaña «12 meses, 12 obxectivos» que incidirá na importancia dalgúns xestos para previr ou evitar riscos aos pacientes no seu proceso asistencial.  Nesta campaña 2019-2020, seleccionáronse doce temas, ou boas prácticas, aplicables a tódalas categorías profesionais, tanto a nivel hospitalario como nos centros de saúde. Todas elas teñen en común seu valor de protección e reforzo da seguridade, como a hixine de mans, a formación en RCP (Reanimación Cardiopulmonar) ou a vacinación de gripe, de interese para todos. Algunhas son máis específicas dunha determinada categoría, como o uso racional de antibióticos, que procura evitar a sobreprescrición cara a evitar futuras resistencias; o 'checklist' cirúrxico, ou lista de verificación, como a que empregan os pilotos de avión, e que permite verificar desde o funcionamento dos equipos, ao material de quirófano ou empregado nunha intervención.

    Para axudar a visibilizar os aspectos concretos de cada temática elixida, cada mes farase un esforzo especial de difusión e sensibilización entre o persoal. Ademais cada mes e tema contarán cun referente, un profesional elixido pola súa implicación neste aspecto, que contribuirá na difusión, axudando aos seus compañeiros a visualizar a importancia de cada aspecto de seguridade.

 Comprobar que o paciente comprende a información

A «Comunicación Efectiva» din dende o Sergas define «algo tan sinxelo, e a vez tan dificil, como comprobar que o paciente ou usuario comprende ben as indicacións que se lle dan, desde como debe tomar a medicación, cando e con que dose, ou calquera outra información que se lle facilita, precisamente pola súa seguridade».

 Como subliñou na presentación da campaña Félix Rubial, responsable da Xerencia: «a seguridade é unha dimensión clave da calidade e da eficiencia dos sistemas sanitarios e, dadas as repercusións que implica, ten que ser unha preocupación profesional de primeira orde para calquera organización sanitaria». Por elo animou tomar conciencia individual e colectiva da súa importancia e convertirse en referentes activos de cada unha das iniciativas.