A Asociación de Actores galega critica a retirada da axuda do Concello de Ourense ao FITO

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

A entidade considera que a decisión pon en risco a continuidade do festival de teatro

03 sep 2019 . Actualizado a las 08:22 h.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) considera que a decisión do Concello de Ourense de retirar o seu apoio ao FITO (Festival Internacional de Ourense) é unha acción irresponsable, lesiva e fondamente preocupante «que amosa ás claras a dirección cultural que toma o novo goberno municipal, encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, e a súa escasa sensibilidade co tecido cultural da terceira cidade de Galicia».

O alcalde e o concelleiro de Cultura de Ourense, Jácome e Mario González, presentaban a pasada semana as directrices da concellería para o presente mandato. A aposta pasará por potenciar iniciativas propias e aos grupos locais, retirando o apoio a varios festivais, certames e outros proxectos que o alcalde cuestionou por considerar que non xustificaban o custe que teñen para o Concello.

Dende AAAG, entidade que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección escénica, lamentan que se deixe de apoiar o proxecto promovido por Sarabela Teatro dende hai once anos, un certame «que achega anualmente ao público ourensán a posibilidade de ter acceso a unha programación escénica internacional». Tamén denuncian, ao tempo que fan público o seu recoñecemento a Sarabela e á súa carreira profesional, que a decisión pon en risco a continuidade do FITO e critican o ataque ao tecido cultural «dende a máis impulsiva ignorancia».