Piden a Cultura a recuperación do monumento Homenaxe a Nós

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias

O autor propón renovar a peza para os actos do centenario

02 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Cultura está a traballar no programa de actividades a desenvolver durante o vindeiro ano para conmemorar o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós -editouse o 30 de outubro de 1920- e homenaxear aos intelectuais que formaron parte da xeración do mesmo nome. Para avanzar nas propostas xa se teñen desenvolvido varias xuntanzas, promovidas polo departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez, e nas mesmas teñen participado representantes das fundacións vencelladas aos persoeiros da xeración Nós, entidades e institucións culturais de toda Galicia e outros axentes sociais.

 

De cara ao 2020 estase a promover unha nova iniciativa, da man do arquitecto e escultor Fernando Blanco (O Carballiño, 1947).

O único monumento de Galicia

En 1997 inaugurouse no Campus de Ourense o monumento creado polo carballiñés, a intervención

Homenaxe á xeración Nós

, e definido como «unha peza escultórica en pedra e ferro formando un reloxo de sol ca verba Nós, pousada sobre unha praza circular de 80 metros no campus de As Lagoas». Agora o autor, que xa reclamou en varias ocasións á Universidade de Vigo a actuación neste espazo, dirixiu un escrito ao director xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo, propoñendo a renovación, mantemento e actualización «do único monumento erixido ao grupo de autores xerminais» que deron orixe á xeración Nós. Coa reforma acometida no 2010 neste lugar a peza quedou «un pouco perdida e mal asentada, sen un mantemento mínimo».

Na proposta de Fernando Blanco Guerra as actuacións pasarían por refacer a faciana sur do reloxo de sol da peza resaltando o círculo que contén os sinais horarios, engadirlle unha nova chapa de ferro «á traseira do con, tal que materialice mellor o

N

de Nós, estabilizando o conxunto», modificar o asentamento da gran pedra -agora afogada no terreo- e engadirlle un monólito conmemorativo informando sobre a peza e o seu significado.

Coa intervención o obxectivo sería facer do lugar un referente para o Centenario de Nós.