«Despois de tanto tempo queremos un PXOM que non se vaia abaixo»

Asumiu o cargo o pasado 12 de xuño e o seu primeiro obxectivo é saber que queren os colexiados


ourense / la voz

Rafael Castro Armesto (Ourense, 44 años) é dende o mes de xuño o presidente dos arquitectos de Ourense. Aínda que está aterrando no cargo, colaborou coa anterior directiva e a súa relación co colexio foi continua dende os inicios da súa carreira.

-Que é o primeiro que está a facer como novo presidente?

-Temos que falar cos compañeiros, os colexiados, e ver que demandan de nós. Está claro que o colectivo vén dunha época complicada, disgregouse moito. O feito de que os estudos sexan pequenos, de poucos arquitectos, e que as novas tecnoloxías fagan que non nos vexamos, acabaron porque non teñamos contacto entre nós. Desvincúlannos uns dos outros. Queremos falar con todos e saber cales son as necesidades que ten e que queren pedir ao colexio. Empezaremos en setembro, pensamos concretar unha serie de reunións en bloques e trataremos de ver a todos os da provincia. Quero volver a conseguir que o colectivo estea unido.

-Cal cree que é a demanda principal dos arquitectos?

-O que máis preocupa son os salarios. A maioría dos colexiados de Ourense non poden vivir do seu traballo, falamos dos autónomos. Cústalles moito chegar a fin de mes.

-Por que esta baixa de honorarios?

-No 2007 anuláronse os baremos de honorarios polos que se taxaban os traballos dos arquitectos. Nese momento hai cancha libre para que cada un cobre o que queira. Hai compañeiros funcionarios que no seu tempo libre fan proxectos, que significan un plus e non é un problema, Pero para os autónomos é diferente. Agora o propio cliente demanda ese tipo de honorarios baixos e é moi complicado por parte do colectivo cambialo. Falamos do colectivo a nivel nacional.

-A cantos colexiados ourensán representa?

-Agora mesmo somos uns 250. Hai moios compañeiros sen colexiar e ese quizais sexa outro obxectivo. É comprensible que sexa así dende o momento no que a colexiación ten un maior custe. Os colexios teñen que autofinanciase, se os visados baixaron as cotas teñen que ser maiores. Ao mellor ao arquitecto no lle compensa porque o colexio non lle ofrece o que eles demandan. Por iso temos que ter eses contactos.

-Existe intrusismo?

-Si, pero ese non é o maior problema. O máis dañino é que hai moitas competencias que se nos quitaron. Agora, se un profesional quere facer unha nave industrial para a súa empresa, un enxeñeiro agrónomo pode firmar ese proxecto aínda que non saiba o que é unha zapata. Ese é o problema máis que o intrusismo. Son situacións globais da profesión en España.

-Como afecta ao colectivo a indefinición do PXOM?

- Despois de tanto tempo o que queremos é un PXOM que non se veña abaixo. O tema das licencias urbanísticas é o maior problema. Un PXOM antigo presenta moitas indefinicións e temas complexos que son difíciles de dar para diante, sobre todo tendo pendente aprobar un novo. O propio Concello é moi cauto á hora de dar as licencias. No sentido de que hoxe podes facer unha cousa e o día de mañá non. Iso fai que a xente teña medo a investir por se non consigue a licenza. Se alongan moito os prazos. O colexio estase pronunciando. Dende o primeiro momento tendémoslle a man ao Concello para que conte con nós. Fálase da exposición pública; se si se expón ou non. Nós pensamos que unha exposición dá claridade e transparencia a un proceso de tantos anos. A escusa para non facelo non pode ser que se vaia a alongar varios meses.

«O colectivo dos arquitectos vén dunha época complicada, disgregouse moito»

«A exposición pública do PXOM daríalle transparencia e claridade»

Sobre a intermodal: «Non nos gusta. Cremos que hai tempo para dar marcha atrás»

Se algo ten claro o novo presidente dos arquitectos de Ourense é que o traballo do colexio ten que facerse polo ben de Ourense e aloxarse do plano político.

-Cando falamos cos grupo políticos dicimos que nós non temos cor, estamos para aportar e axudar a todos. Temos a nosa postura que é loitar pola cidade. Por mellorar o que temos. Os políticos amosan a súa vontade, pero hai unha complexidade grande a nivel de Concello que parece que non se dan levado a cabo as cousas, polos cambios políticos, a nivel local, autonómico e nacional.

-Fálase moito do AVE e da estación intermodal, cal é a postura do colexio?

-O colexio oponse ao proxecto que queren incorporar porque non é unha intermodal senón tres proxectos separados. Non nos gusta. Parece que non hai marcha atrás, aínda que me gustaría pensar que si, porque sempre é mellor o non feito que o mal feito; e de momento non esta feito. O primeiro proxecto si integraba unha intermodalidade, unha estación de autobuses integrada e pensada para o funcionamento do entorno. A nova proposta non ten en conta os aumentos do tráfico, non xera ningunha vía de escape. O primeiro proxecto si contemplaba o problema do tráfico na cidade. O problema é que o que fagamos mal, non vai cambiar. A pena é que non se quere reverter todo o espazo que hai na praia de vías na cidade. Esa é a sensación. Hai moito espazo que debería, unha vez que se expropiou e que agora vaise reducir de forma drástica, porque quedarán como moito catro vías, que tiñan que volver ao desfrute dos cidadáns. A sensación que dá é que ese espazo vai seguir en mans de ADIF. O máis probable é que se acabe facendo algo pero non en beneficio dos veciños da cidade de Ourense, que é o que nos importa.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Despois de tanto tempo queremos un PXOM que non se vaia abaixo»