Castro Dozón festexou a Virxe do Carme

A celebración tivo lugar na igrexa que fora a súa antiga capela e que está ao pé do Camiño de Santiago, e non faltou tampouco a música


O Castro de Dozón, cabeceira da parroquia da O -na actualidade San Salvador do Castro na orde civil- celebrou a fin de semana pasada as súas festas honrando a Virxe do Carme, con misas cantadas, procesións e verbenas coa orquestra Alianza e a charanga Leña Verde na xornada do domingo e a orquestra Triunfo e a charanga Ardores o luns.

Non é a Virxe do Carme senón o San Salvador o patrón desta parroquia dezá a cuxa advocación está dedicada a notable igrexa parroquial. Logo da procesión que vai o redor do cruceiro e da poxa das andas entre os devotos para introducir a imaxe da Virxe na igrexa, tivemos unha conversa co cura párroco Manuel Civeira, bo coñecedor da historia e celoso conservador do patrimonio relixioso destas terras de Dozón, nas que leva media ducia de parroquias e outras tantas de Lalín, que aínda lle teñen pendente unha merecida homenaxe co gallo do 50º aniversario da súa ordenación. Contounos que a igrexa parroquial estaba no lugar de «Oor» e que foi trasladada ao emprazamento actual onde existía unha cativa capela dedicada á Virxe do Carme, da que queda testemuño nunha inscrición do lintel da vella sancristía coa data de 1682 e tamén nalgunhas ben labradas canterías que foron parar a casa reitoral. A capela pertencía a unha casa de xente podente de preto da igrexa. No ano 1805 sendo cura Juan López Silva da casa fidalga do Pazo en A Xesta (Lalín), que daquela rexía a parroquia, rematáronse a cabeceira e as naves en cruz latina desta notable igrexa erguida no estilo neoclásico que comezaba a desprazar ao barroco imperante daquela. Case sesenta nos despois, en 1864 sendo cura Manuel María Blanco, remataríase a fachada principal e a erguida torre visible dende boa parte das terras do municipio.

Deses anos é tamén o retablo principal que presiden dúas imaxes do Divino Salvador, a máis antiga delas con tres dos Apóstolos aos pés, e imaxes da Inmaculada e San Xosé. A un e outro lado deste retablo hai máis imaxes, sen que falten as clásicas de San Antonio e San Roque e un San Gregorio. Nas paredes do presbiterio hai dúas pinturas de anxos que na década dos corenta pintara un mestre que puxo escola na parroquia. Unha das capelas laterais está dedicada a Virxe do Carme e outra a Santa Bárbara, con fermosos retablos sobre altares de cantería con imaxes de distintas épocas e un par de tallas coas animas do purgatorio. A igrexa conserva no interior as tombas que deica mediado o século XVIII eran sepulcro dos fregueses, dúas pías bautismais antigas e no camposanto, un singular osario con caveira a beira dun antigo sepulcro anónimo.

A igrexa de Castro a pé do Camiño de Santiago que aquí ten un albergue, é xunto coa de Taboada en Silleda, das que permanecen abertas na nosa comarca ao abeiro dun convenio entre o Bispado de Lugo e o Xacobeo da Xunta de Galicia. O Camiño Mozárabe que por aquí pasa, trae un crecente numero de peregrinos o que poida que no futuro, axude a manter o seu censo de habitantes que a mediados do século pasado era de case seiscentos e agora son pouco mais da metade, repartidos en nove aldeas incluído a capital municipal, un lugar con vocación de vila que xurdiu ao amparo dun castro prehistórico, encrucillada de antigos camiños de Ourense a Santiago e do Ribeiro a Camba.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Castro Dozón festexou a Virxe do Carme