O santoral de xullo

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE CIUDAD

07 jul 2019 . Actualizado a las 21:06 h.

Como pasa o tempo. Case que sen darnos conta. Xa estamos no mes de xullo, que nos ofrece un variado santoral. Está a caer san Bieito, a Nosa Señora do Monte Carmelo ou do Carme, a santa Mariña, santa María Magdalena, a Santiago Apóstolo, a san Xaquín e a santa Ana, e tamén a santa Marta de Velle. San Bieito, abade e patrón de Europa, en Montecasino funda aos monxes bieitos e escribe para eles a regula «ora et labora». É admirable a devoción que o pobo galego lle ten a San Bieito. So en Ourense temos o de Coba de Lobo, Grou, A Uceira, Allariz, Cuñas, Rabiño, Souto, Baños de Bande, Marañao... A súa festa celébrase o día 11 de xullo.

A festa da advocación mariana da Nosa Señora do Monte Carmelo ou do Carme, celébrase o día 16 de xullo na parroquia da Santísima Trindade, en san Xés de Lobeira, en Sobreganade, na Xironda e no convento das Mais Carmelitas descalzas de Vistahermosa. O día 18 celebramos a nosa Santa Mariña de Augas Santas con festa en Xinzo. Santa María Magdalena, que liberada polo Señor de sete demos, converteuse en discípula e seguiu ao Señor ata o monte Calvario. E, na mañá da pascua, levoulles a noticia da resurrección aos apóstolos. A súa festa celébrase o día 22 de xullo. Ten grandes festexos na parroquia de santa Uxía de Lobás no Carballiño e na parroquia de Francelos en Ribadavia.

A festa de Santiago Apóstolo celébrase no 25 de xullo. Foi un dos amigos do Señor. O seu sepulcro en Compostela converteuse en meta de peregrinacións polos distintos camiños: francés, portugués, vía da prata, camiño do mar... En Ourense é representativa a celebración da festa do Apóstolo na parroquia das Caldas. San Xoaquín e Santa Ana, santos de moda nos últimos tempos, porque veñen a converterse en modelos para hoxe dos avós e avoas dos netiños que, en ausencia dos seus pais por motivos laborais, medran a carón dos máis vellos, que lles dan agarimo e tenrura. Por último, o día 29 de xullo celebramos a festa de Santa Marta, irmá de María e de Lázaro, amigos do Señor e veciños de Betania. Marta, ca súa actividade de servicio, é modelo de entrega aos demais. Hoxe témola por patroa das residencias de anciáns, convidándonos ca súa vida a un trato cariñoso, de respecto e dignidade para os maiores. ¡Bos festexos para todos!