«Levamos trinta anos co problema, e se a Administración non actúa temos que marchar»

m. s. LALÍN / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Souto

27 jun 2019 . Actualizado a las 17:13 h.

Afectados polos ataques dos xabaríns podemos atopalos en moitas aldeas da comarca. Na aldea de As Nogueiras, en Doade, están cansos de resementar e de vixiar prados e leiras. É o caso de Luís García Ferreiro.

-En cantas fincas actuaron os animais?

-Foron unhas seis fincas as afectadas. Os xabaríns levantaron terra, pedras... deixaron todo que é un desastre e despois nin se pode pasar a rotativa polos prados.

-Ao millo non foron?

-Non xa que o temos cerrado co pastor, pero isto xa non se pode aguantar máis... Levamos trinta anos co problema e se a administración non actúa e non toma cartas no tema temos que marcharnos e as aldeas quedarán baleiras. Non sei que esperan para actuar.

-Algún afectado apostaba por facer vixianzas nocturnas...

-Nós vixiamos todas as noites pero son animais moi astutos e van dun prado para outro. Ti estás aquí e eles alá. É imposible controlalos.

-Aposta máis polas batidas?

-Se nunha tempada se matan uns 60 para a seguinte hai o dobre. Os montes de Ourense que se divisan dende aquí son un auténtico criadeiro de xabaríns. O certo é que a situación é insostible e xa estamos máis que cansos de padecer ano tras ano destrozos nas leiras.